ensenhamen*

ensenhamen*
s m [LIT]

Termo provenzal que xeralmente significa ‘instrución dada ou recibida’. Dentro da lírica provenzal, fai referencia a dous conceptos moi achegados. Por unha banda, é un longo poema que trata diversos temas de didáctica cortesá -relaciónase, deste xeito, co xénero do sirventés (o sirventés ensenhamen)-, escrito en octosílabos de rimas planas ou en forma estrófica, en que o trobador se dirixe a un xograr co fin de enumerarlle o repertorio temático do que debe ter coñecemento. Cultivouse durante os ss XII e XIV en Occitania e Catalunya, e destacan especialmente trobadores como Guerau de Cabrera (Cabra juglar), Guiraut de Calanson (Fadet juglar) e Bertran de Paris de Roergue (Guordo, ie.us fas un sol sirventes l’an). Por outra banda, trátase dunha das calidades ou virtudes que impoñía a ideoloxía da fin’amors para amar e ser amado, é dicir, “educación”, “cultura” e “boas maneiras”; na sociedade cortés, tanto homes coma mulleres, aprendían á vez a etiqueta e a disposición psicolóxica da cortesía, así como a refinada educación. Eses longos poemas foron, ademais, verdadeiras seleccións de consellos ou de preceptos concernentes aos aspectos sociais e morais da vida cortés. Engadido a este valor artístico, este tipo xenérico é de especial relevancia pola abondosa información que proporciona en relación aos autores, obras e temas; proba disto son os ensenhamens provenzais, que permitiron documentar a difusión da temática artúrica con anterioridade ás obras conservadas que transmitiron a materia de Bretaña. Na lírica galego-portuguesa, o ensenhamen como tal non parece que se practicase. Aínda así, semella evidente a súa vinculación cos diversos subtipos de escarnio literario nos que se recrean ataques entre trobadores e xograres que glosan a insuficiencia técnica ou cultural do rival. Só se coñece unha composición (“Jograr, tres cousas avedes mester”) de Gil Perez Conde, da segunda metade do s XIII, que se aproxima ao ensenhamen provenzal. Nesta cantiga o eu lírico, de xeito satírico, exponlle ao xograr as calidades precisas para o seu oficio; isto é, bo aspecto, boa voz, memoria e capacidade de aprendizaxe.