Enterobius

Enterobius
[ANIMAL]

Xénero de nematodos de aspecto vermiforme, cor branca amarelada e ata 13 mm de lonxitude, ao que pertence a especie E. vermicularis, que constitúe o helminto de maior distribución xeográfica, causante da oxiuriose ou enterobiase que lle afecta á especie humana, especialmente entre os 5 e os 14 anos. Os animais desenvólvense no intestino delgado humano e posteriormente emigran cara á rexión anal para depositar miles de ovos. O ciclo vital tarda en completarse entre 15 e 45 días. O parasito transmítese na fase de ovo xeralmente por vía oral -ó inxerir alimentos contaminados- ou por vía cutánea -mediante rañaduras con uñas infectadas-. Os ovos poden estar presentes nas roupas e no po das casas e escolas. Os síntomas poden ser: proído na rexión anal, diarrea, vómitos, feces mucosas, anorexia e alteracións do sono. Para o diagnóstico examínanse os bordos anais que poden amosar vermes ou ulceracións, ou practicarse a técnica de Grahan. Os ovos non están nos excrementos. O tratamento baséase na administración de flubendazol ou mebendazol en dúas fases espaciadas no tempo un mínimo de 2 semanas e a todo o grupo familiar para evitar reinfestacións.