Entrimo, Santa María a Real de
Igrexa parroquial situada en Entrimo. Pertenceu a unha antiga abadía e dende a súa fundación tivo o título de Real. Puido ter a súa orixe nun mosteiro que se integrou no de San Salvador de Celanova, pois os seus abades sempre pretenderon a abadía. Construíuse nun terreo pertencente á Coroa e as súas obras remataron no 1793 baixo o goberno do abade Agustín Levoso (ou Leboso). Ten planta de cruz latina con tres naves separadas por oito pilastras. A nave central é máis ancha e alta. O cruceiro cóbrese con bóveda de media laranxa e no exterior cun tambor octogonal rematado nunha lanterna. As naves cóbrense con bóvedas de crucería. Do conxunto destaca a fachada principal, concibida como un retablo pétreo dedicado á realeza de santa María, que constitúe unha mostra do estilo churrigueresco en Galicia. Este elemento cobre a nave principal da igrexa e componse de catro corpos: o primeiro composto pola porta que centra o conxunto, cun arco moldurado de medio punto e flanqueado por tres pares de columnas, salomónicas as primeiras e estriadas as outras dúas; o segundo corpo consta dunha fornela que acolle a imaxe da Asunción, flanqueada por catro pares de columnas salomónicas; o terceiro mostra un relevo da Santísima Trindade no que o Pai e o Fillo se representan con figuras humanas que portan a coroa da Virxe e o Espírito Santo como unha pomba, as columnas tamén son salomónicas; o cuarto corpo está composto por un friso co escudo de España e rematado nun frontón partido que nos seus vértices conserva as figuras de tres anxos. Os corpos laterais da fachada, correspondentes ás naves laterais, son de perpiaños lisos. A torre (1727) está separada da fachada e da nave, consta dun primeiro corpo macizo e dunha balaustrada que dá paso ao corpo das campás, aberto polas súas catro frontes e rematado nun tambor con cúpula semiesférica; o conxunto decórase con pináculos. As fachadas do cruceiro tamén están decoradas: a portada sur dedícase a san Xosé e está composta por un primeiro corpo onde se abre a porta alintelada e flanqueada por columnas lisas, e un segundo corpo coa imaxe do santo flanqueada por columnas salomónicas, dous paneis decorados con relevos e dúas columnas cos fustes estriados; o conxunto remata cun frontón triangular que nos vértices laterais conserva dúas imaxes nun, e unha noutro, non identificadas. A portada norte dedícase ao Salvador e componse dunha porta arquitrabada sobre a que se sitúa un frontón curvo e partido que acolle unha fornela coa imaxe do Salvador e que remata cun frontón curvo; o conxunto culmina con molduras curvas.