Eo

Eo

Río da vertente cantábrica. Ten dúas cabeceiras (ambas as dúas no concello de Baleira), que baixan pola vertente oriental da serra do Mirador: unha na parroquia de Fonteo, ao pé do Pradairo (1.029 m de altitude), e outra na Fontaneira (930 m). Os dous brazos conflúen na parroquia de Cubilledo. O seu curso adopta unha dirección S-N, que mantén basicamente en todo o seu percorrido. Continúa pola parroquia de Martín e penetra no concello de Ribeira de Piquín por Santalla, onde recibe o Rodil, para seguir por Navallos e San Xurxo de Piquín, ao L da serra de Meira. Despois sérvelles de límite ás parroquias de Santiago de Acevo (Ribeira de Piquín) e Seixosmil (Meira), e ás de Galegos (Meira) e Vilarmide (A Pontenova). Tras drenar o concello da Pontenova (parroquias de Vilaboa, Vilameá, Vilaoudriz, A Pontenova, Conforto e Vilaouruz) e recibir as augas do Cabreira, pasa a facer fronteira entre o municipio de San Tirso de Abres, no Principado de Asturias, e a parroquia de Vilaformán, no concello de Trabada. Logo dun breve percorrido polo municipio asturiano, no que recibe o Ouria, volve servir de límite administativo ao chegar ao concejo de Vegadeo, ao cal separa das parroquias de Sante, A Ría de Abres e A Valboa, no concello de Trabada, e Couxela e Santalla de Vilausende, no concello de Ribadeo. Desemboca neste último concello e forma a ría de Ribadeo, despois dun percorrido de case que 80 km e de drenar unha conca de 929,55 km2. Na súa desembocadura leva un caudal absoluto de 24,4 m3/s. Co seu réxime pluvial acada o máximo caudal entre decembro e abril.