Ephedra

Ephedra
[PLANTA]

Xénero de arbustos, da familia das efedráceas, de talo ramificado na base e interrompido por nós bastante achegados uns aos outros. Presenta follas, escamosas e opostas, reducidas e recollidas nunha vaíña. Posúe tráqueas e traqueidas, e carece de vasos resiníferos. As súas flores son unisexuais e dispóñense en inflorescencias, nalgúns casos son bisexuais e aparecen na axila dunha escama, envoltas por brácteas. As sementes, xeralmente en parellas, preséntanse rodeadas por un involucro carnoso e vermello ou por alas, que serven para a diseminación anemócora. Típicas da rexión mediterránea e das rexións áridas de Asia e América, son plantas anemófilas e, nalgúns casos, entomófilas. Na Península Ibérica están presentes as seguintes especies: E. distachya, de flores masculinas con 8 anteras, planta deitada e, ás veces, semellantes a lianas, distribuída pola metade L da Península Ibérica e a conca do Douro; E. fragilis, na metade S e L da Península, con flores masculinas que presentan de 2 a 6 anteras; e E. nebrodensis, de ramificacións finais de menos de 1 mm de diámetro, na metade L da Península e base dos Picos de Europa. Moitas das especies do xénero Ephedra teñen consideración de plantas medicinais xa que delas se obtén a efedrina.