épica

épica

(< épico)

  1. s f [LIT]

    Xénero literario que toma a súa denominación do grego ἕπος ‘palabra, narración, nova’, e que se caracteriza, segundo a definición que da epopea ofrecera Aristóteles, por contar os feitos heroicos que protagonizan personaxes de alta condición. Estes heroes adoitan encarnar os valores dunha clase social aristocrática e, xa que logo, do pobo ou da nación aos que esta representa. Deste xeito, a épica proporciona relatos de orixes de grupos humanos, feito que pode chegar a emparentala coas mitoloxías e cosmogonías, nas que os relatos fundacionais toman o punto de vista de todo o Universo, segundo a explicación que ofrece unha relixión. Polo demais, as imprecisas fronteiras entre un e outro tipo de obras vense corroboradas pola intervención do elemento divino en numerosas epopeas -como sucede nos poemas homéricos, na Eneida de Virxilio ou, máis matizada, nos abondosos cantares de xesta medievais-, derivada do carácter trascendente que adoita presentar este tipo de relatos de orixes. As narracións épicas, presentes en case que todos os ámbitos culturais, agromaron nun período remoto e heroico. Nun principio transmitíanse oralmente, polo que en moitos casos había máis dunha versión, e polo xeral mesturaban o real (acción situada en épocas históricas) co lendario ou fantástico (os guerreiros adoitan ser heroes con calidades sobrehumanas). En Exipto consérvanse restos en textos fúnebres e máxicos. A poesía épica mesopotámica (sumeria e acadia) narra aventuras dos deuses (Enūma elīs, poema da creación) e dos heroes (epopea de Gilgameš, 1500 a C?). Na India a máxima representación deste xénero son o Mahābhārata e o Rāmāiana. En Siria, Palestina e na literatura árabe tamén se atopan restos de poemas épicos. A epopea persa acada o punto máximo co Šāhnāmeh (Libro dos reis), de Firdūsī. Na Europa occidental a épica remóntase a dúas grandes tradicións: a grecolatina e a xermánica. No primeiro caso, resultan fundamentais os poemas referentes ao ciclo da Guerra de Troia atribuídos a Homero -Iliada e Odisea-; amais dos ciclos épicos sobre Tebas -Edipodia, Tebaida e Epígonos-, as expedicións dos argonautas e sobre o mundo homérico. Outros escritores gregos que cultivaron este xénero foron Hesíodo (Teogonia) ou Pisandro, que estendeu a lenda de Heracles. Nos ss V-IV a C continúa a epopea de carácter histórico-lendario con autores como Queril de Samos ou Antímaco de Colofón. Na época helenística Calímaco escribiu Hecale, breve epopea de gran significación poética, Teócrito compuxo uns poemas épicos breves e Apolonio de Rodas Os argonautas. Despois da tradución ao latín da Odisea que fixo Livio Andrónico, as primeiras probas da epopea romana foron as de Nevio (s III a C) e Ennio (ss III-II a C); o primeiro en Penicum bellum narra a Primeira Guerra Púnica e o segundo en Annales inclúe a historia de Roma. Coa Eneida de Virxilio, que relata a fundación de Roma, prodúcese a cristalización da epopea romana. Na Farsalia de Lucano, a dimensión heroica buscouse non nun pasado afastado, senón na inmediatez das guerras civís entre Xulio César e Pompeo Magno. Outros autores romanos destacables foron Valerio Flaco, influído por Apolonio de Rodas en Argonautica; Estacio, influído polos gregos en Thebais e Achilleis; Silio Itálico, que compuxo Punica en 17 libros; e Claudiano, que deixou a epopea mitolóxica De raptu Proserpinae. Tamén houbo autores cristiáns que conservan a tradición da epopea romana, como Prudencio (ss IV-V), Sidonio Apolinar (s V), Draconcio (s V) e Avito (ss V-VI). A literatura xermánica, pola súa banda, nútrese sobre todo da época heroica das invasións, na que cada pobo buscou prestixio e lexitimación. A recompilación irlandesa dos Edda e das sagas escandinavas apuntan a que xa no mundo xermánico había mostras de epopea no s V. O primeiro testemuño escrito desta epopea foi o Hildebrandslied (Canto de Hildebrando, s VIII), que forma parte do ciclo de lendas e poemas centrados na figura de rei Teodorico. Xa no s IX incorporáronse á epopea xermánica temas de tipo cristián, histórico ou inspirados na épica francesa. Destacan, especialmente, a Thidhrekssaga, a saga dos Volsungos, o cantar de Valtario, o cantar saxón de Beowulf ou, xa máis serodio, o Niebelungenlied (Cantar dos Nibelungos, 1200-1205), que recobra a tradición xermánica xenuína. Estas dúas correntes, a grecolatina e a xermánica, foron retomadas pola épica románica medieval, que adaptou os seus temas e motivos ás circunstancias de cada reino, influíndo no nacemento das epopeas nacionais. Nesta época desenvolvéronse poemas épicos en linguas románicas, que se coñecerían como “cancións de xesta”. A máis rica de todas as épicas románicas é a francesa, da que se conserva arredor dun centenar de cantares de xesta agrupables en diferentes ciclos. Entre estes destaca o “ciclo sobre Carlomagno”, representado especialmente coa Chanson de Roland, cantar épico en verso que describe a lendaria Batalla de Roncesvalles (778) e a derrota da expedición de Carlomagno, quen se proclamara defensor da cristiandade, fronte aos árabes. Ao longo dos ss XV, XVI e XVII cultivouse unha poesía épica caracterizada pola exaltación dun país ou dun personaxe real, derivaba da epopea tradicional; estes poemas, cun argumento fixo e obra dun autor determinado, trasmitíronse xeralmente por escrito. Nas literaturas hispánicas o exemplo máis salientable é o Cantar de Mio Cid (1307), poema épico castelán que narra o derradeiro período da vida de Rodrigo Díaz de Vivar o Cid Campeador (1043-1099), dende a súa partida ao exilio ata que, trala conquista de València, se reconcilia co monarca castelán Afonso IV. A escaseza de testemuños épicos ibéricos, así como a reconstrución de varios cantares de xesta casteláns prosificados nas crónicas, fai supoñer que deberon de compoñerse diversos ciclos épicos dos que non quedou constancia directa. O último esplendor da épica prodúcese no Renacemento, co cultivo de poemas de inspiración clásica que servisen como discurso portador de identidade das nacentes nacións modernas. Tendo como precedente a Eneida, destacan La Franciade (1572) de Ronsard, en Francia; Os Lusiadas (1572) de Camões, en Portugal; e La Austríada de Juan Rufo ou La Araucana (1569-1589) de Alonso de Ercilla, en España. Pero a dimensión heroica acaba por deixar paso a unha interpretación paródica da identificación entre os pobos e os seus heroes aristocráticos, de aí o pulo da epopea humorística barroca. No subxénero épico-burlesco, cultivado durante os ss XVI e XVII, sobresaen The Rape of the Locke de Pope, La secchia rapita de Tassoni, La gatomaquia de Lope de Vega ou Baldus de Folengo. Este subxénero épico-burlesco, aínda que se remonta á Batracomiomaquia homérica, ten o seu antecedente máis inmediato nos poemas burlescos de finais da Idade Media, como o Morgante de Pulci. Finalmente, relacionada coas loitas relixiosas que coñeceu Europa nestes séculos, destaca tamén a épica relixiosa, que se inspira na Divina Commedia de Dante. O seu exemplar máis coñecido é The Paradise Lost (O Paraíso perdido, 1667) de John Milton, aínda que tamén se poden encadrar neste subxénero a Cristíada de Diego de Hojeda e mesmo a Gerusalemme Liberata de Torcuato Tasso e Der Messias (O Mesías, 1748-1781) de Klopstock. O último rexurdimento da épica ten lugar coa formación das nacións contemporáneas (ss XIX-XX), que, novamente, buscarán a súa lexitimación no discurso heroico de orixes; así aconteceu co Kalevala finés ou o Martín Fierro arxentino. Posteriomente decaeu e apenas deixou mostras na literatura escandinava. En España cómpre mencionar os poemas de Jacint Verdaguer, La Atlántida e Canigò, cos que se pretendía consolidar a identidade nacional catalana. Un caso parecido, aínda que frustrado por inconcluso, é o que representa Os Eoas de Eduardo Pondal.

  2. s f [LIT]

    Conxunto de obras pertencentes a este xénero.

Palabras veciñas

epiblasto | epibolia | epibolita | épica | epicanto | epicardio | Epicarmo