Epicarmo

Epicarmo

Poeta cómico grego. Foi amigo doutros autores gregos destacados, como Simónides, Baquílides, Píndaro e Esquilo. Das súas obras, escritas en grego dórico, quedan múltiples fragmentos. Foi, xunto con Pratinas, un dos maiores cultivadores da comedia, xénero que contribuíu a desenvolver na súa dimensión formal e temática. A súa obra, recollida no seu tempo en dez tomos, recreaba tanto temas míticos propios da tradición clásica e heroica, moitas veces desde unha perpectiva paródica e satírica como en Ulises náufrago ou en Ulises desertor, como asuntos populares e máis contemporáneos, entre os que tamén destacan os textos escritos para os espectáculos presentados por mimos. Nas súas pezas aparecen figuras e tipos que se fixeron moi célebres na creación dramática posterior, particularmente na comedia latina e na Commedia dell’arte, como fanfurriñeiros, borrachos, vellos verdes, aduladores ou cornudos.