Epipactis

Epipactis
[PLANTA]

Xénero de herbáceas, da familia das orquidáceas, que constitúe un complexo conxunto de taxons caracterizados por presentar rizomas curtos e horizontais, con numerosas raíces, flores de labelo horizontal -case tan ancho como longo-, ovario recto e cun único estame que produce pole en tetradas, agregado en polinias. Para a polinización atraen, principalmente, avespas do xénero Vespula. En Galicia están presentes as especies: E. helleborine, en bosques secos, matogueiras e areas do litoral, de ata 70 cm de altura, con follas ovais, de bordo ondulado, dispostas en espiral sobre o talo e inflorescencia en acio longo, formadas por ata 50 flores pediceladas, pequenas, sen esporón, con tépalos externos verdosos e elípticos, os internos rosado-violáceos, cunha vea central verde, e un labelo cunha constrición central que o divide en dúas partes, unha distal plana ovada, verdosa ou púrpura, e outra proximal cóncava coa base pardo-avermellada; e E. palustris, en lugares húmidos e pantanosos do noroeste do país, de ata 50 cm de altura, con follas oblongo-lanceoladas e inflorescencia de entre 8 e 15 flores de cor castaña avermellada, cun labelo branco listado de amarelo.