Epipaleolítico

Epipaleolítico

Período de transición entre o Paleolítico e o Neolítico situado a comezos do Holoceno, durante o que predominou unha economía depredadora, continuadora da cultura dos cazadores-recolectores no período posglaciar. Algúns autores denominaron Mesolítico o mesmo período cronolóxico, pero referido ás transformacións das sociedades humanas que os distanciaron das tradicións paleolíticas e que se definiron polo sedentarismo e a economía produtora. No ámbito climático, definiuse polo rápido incremento da temperatura, feito que ocasionou un brusco retroceso das masas glaciares, coa desaparición dos grandes vertebrados da etapa anterior (mamuts, renos e rinocerontes laúdos), mentres se multiplicaban os propios do clima temperado (cervos, corzos e porcos bravos). A mellora climatolóxica permitiu a expansión dos bosques de caducifolias e unha elevación do nivel mariño. Os asentamentos dos grupos humanos diversificáronse e, xunto ás covas, empregáronse os abrigos rochosos e as construcións temporais con materiais perecedeiros adaptadas ao nomadismo. As fases iniciais caracterizáronse polas industrias líticas, similares ás do Paleolítico Final, pero que experimentaron unha paulatina diversificación rexional ata a chegada do Neolítico. Entre as innovacións tecnolóxicas deste período destacan a redución no tamaño das industrias líticas, consecuencia da tendencia evolutiva para acadar un aproveitamento óptimo da materia prima, dotándoo da maior cantidade de fío cortante; a aparición do machado de talón como ferramenta e a aparición do arco como principal arma de caza, que substituíu as azagaias con propulsor. Na Península Ibérica cohabitaron durante o Epipaleolítico distintos complexos culturais na cornixa cantábrica, no litoral mediterráneo e na fachada atlántica. Na cornixa cantábrica desenvolveuse a cultura azilense, que evolucionou a partir do Madalenense Final, e os depósitos da cultura costeira asturiense, caracterizada pola presenza de concheiros e do denominado pico asturiense, dende comezos do VII milenio a C. En Catalunya e no Levante diferenciáronse entre o VII e o III milenio a C dous complexos culturais: o microlaminar, que deriva das anteriores industrias madalenenses; e o xeométrico, no baixo Ebro. Na fachada atlántica localizáronse xacementos costeiros, nas concas dos ríos Muge e Sado, caracterizados pola presenza de concheiros, en que apareceron restos de inhumacións e estruturas de habitación de planta rectangular. A súa industria lítica presenta influencias da rexión mediterránea. As manifestacións artísticas epipaleolíticas caracterizáronse polo simbolismo, a abstracción e a xeometrización. Escasearon as representacións zoomórficas e antropomórficas e abundaron os cantos pintados e gravados.
O Epipaleolítico en Galicia
Detéctase no NO peninsular a partir do X milenio a C ata a chegada da agricultura, ao redor do óptimo climático do 4.000 a C. As sociedades presentan características análogas ás da cornixa cantábrica, pero, malia os datos do Azilense, non se puido demostrar un incremento da explotación do mar mediante a pesca e o marisqueo. No instrumental lítico empregouse como materia prima a máis abundante en cada rexión e, nas áreas costeiras, conservouse o uso dos coios de cuarcita e cuarzo, froito da erosión mariña. Os materiais arqueolóxicos continúan a tradición final do Paleolítico Superior como raspadores, burís, perforadores, escotes e follas de dorso, cunha presenza variable dos utensilios sobre soporte laminar. Entre outros xacementos destacan os de Pena Xiboi (Guitiriz), Pena do Pé (A Capela, Toques), Arnela III, Val do Inferno e Chan da Cruz.