epistemoloxía

epistemoloxía

(< gr ἐπιστήμη ‘coñecemento’ + -loxía)

  1. s f [FILOS]

    Disciplina que estudia o coñecemento, as súas clases, os seus condicionamentos, a súa posibilidade e a súa realidade. Ademais, estudia os contidos do pensamento, a súa natureza e o seu significado, polo que algúns autores prefiren falar dunha teoría do coñecemento científico. O termo introduciuno o filósofo escocés J. F. Ferrier para designar a doutrina sobre a validez do coñecemento. Obxecto fundamental na historia da filosofía, os principais enfoques do seu estudo foron o racionalista, o empirista, o transcendentalista, o idealista, o positivista, o irracionalista vitalista e o da análise da linguaxe filosófica. Para moitos autores, é parte da metafísica e o seu obxecto de estudo é o coñecemento do ser; para outros, é unha disciplina autónoma. No ámbito da filosofía hispana utilizouse como sinónimo de gnoseoloxía, sen embargo, a utilización deste termo pola filosofía de orientación escolástica levou a facer a distinción entre gnoseoloxía, como teoría do coñecemento, e epistemoloxía, como teoría do coñecemento científico.

  2. epistemoloxía lingüística [LING]

    Disciplina, de carácter filosófico, que se ocupa dos tipos de coñecemento que se poden obter da lingüística. Dun xeito máis específico, constitúe unha teoría verbo da metodoloxía, os procedementos e os obxectivos da lingüística en tanto que campo do saber. Estudia, así mesmo, a evolución histórica das ideas lingüísticas e mais a súa contribución ao coñecemento humano. Unha das discusións básicas ten sido o carácter científico da disciplina, aspecto tan condicionado polos estándares científicos herdados da tradición grecolatina e occidental. Así, os saberes asociados ás ciencias experimentais teñen dominado as concepcións do científico durante os séculos precedentes. Mesmo no s XX, a lingüística estivo en certa medida relegada como ciencia, xa que os datos que manexaba se consideraban “procedentes da mente” e non de fontes abertamente observables. A análise lingüística en tanto que conduta directamente observable contribuíu a modificar esta concepción. Non obstante , os estudiosos vinculados a teorías da sociedade criticaron tamén esta visión do “científico”, xa que, ao seu ver, tendía a limitar ou obviar o carácter basicamente social da lingüística. Tense ocupado, tamén, do lugar da lingüística no conxunto das ciencias do coñecemento, a súa posición fronte á gramática ou á filoloxía ou o lugar ocupado pola norma e o uso, así como a falta dunha plena homoxeneidade e carácter unitario dentro da lingüística. Diferentes formas de coñecemento, metodoloxías e mesmo concepcións da linguaxe e as linguas en tanto que campos de estudo teñen dificultado a resolución da cuestión. Así mesmo, o significado do obxecto de estudio, o desenvolvemento de métodos ou a delimitación e explicación de obxectivos teóricos e aplicados necesitan aínda dun profundo estudo para resolver incógnitas pendentes. A pesar dos límites difusos que separan a lingüística doutras ciencias, resultado en certo sentido da necesidade de delimitar campos académicos de estudio, é necesario construír un certo padrón de ciencia lingüística que non evite o hibridismo e pluralidade inherentes á esencia e ás diferentes áreas da lingüística, pero que asemade tampouco renuncie á creación dunha “metateoría” en continua revisión a través de diversos métodos, obxectivos e procedementos. Isto pode axudar a describir e coñecer a linguaxe dun xeito máis global e tamén a obter un coñecemento máis transcendental do mundo.

Palabras veciñas

epístato | epistaxe | episteme | epistemoloxía | epistemolóxico -ca | episterno | epistilo