equilibrio

equilibrio

(< lat aequilibrĭu)

  1. [FÍS] Antónimos: desequilibrio.
    1. s m

      Estado dun sistema en que este non pode experimentar ningún cambio de forma espontánea.

      Antónimos: desequilibrio.
    2. equilibrio dinámico

      Estado dun corpo cando a resultante das forzas externas que actúan sobre el se contrarresta coas forzas de inercia.

    3. equilibrio electrostático

      Estado dun corpo condutor en que o campo eléctrico é nulo en todos os puntos do seu interior. As cargas eléctricas libres distribúense pola superficie.

    4. equilibrio estático

      Estado dun corpo sometido a un sistema de forzas que cumpren os principios da estática. Pode ser estable, se ao separar o corpo da posición inicial o sistema de forzas ao que está sometido o devolve á posición primitiva; inestable, se o corpo non recupera a posición inicial senón que pasa a outra posición de equilibrio máis estable; e indiferente, se o corpo queda en equilibrio en calquera posición. No equilibrio estable, o centro de gravidade do corpo queda por debaixo do punto de suspensión da base de sustentación, no inestable queda por enriba e no indiferente coinciden. Hai outro tipo de equilibrio, o metastable, que se produce cando o estado de equilibrio é estable para pequenas accións exteriores, pero que se volve inestable cando estas accións exteriores son suficientemente grandes.

    5. equilibrio radioactivo

      Estado dun corpo radioactivo que se desintegra emitindo átomos radioactivos, de maneira que o número de átomos emitidos coincide co número de átomos que se volven desintegrar.

    6. equilibrio termodinámico

      Estado dun corpo ou sistema termodinámico en que as variables termodinámicas de estado, como a presión ou a temperatura, teñen o mesmo valor en todos os puntos do sistema. O criterio fundamental do equilibrio termodinámico nun sistema, o volume e enerxía constantes, é o da entropía total máxima. O movemento dun sistema cara ao equilibrio componse de dúas partes: o acadamento da posición de enerxía mínima e, despois, o da posición de entropía máxima.

  2. s m

    Posición vertical dun corpo.

    Ex: Perdeu o equilibrio e caeu.

  3. Antónimos: desequilibrio.
    1. s m

      Proporción ou relación axeitada entre cousas sen que ningunha destaque das demais.

      Ex: Os líderes políticos manteñen a súa valoración en equilibrio segundo as últimas sondaxes.

      Antónimos: desequilibrio.
    2. s m

      Harmonía ou proporción na distribución de cousas opostas.

      Antónimos: desequilibrio.
    3. s m [GRÁF]

      Distribución dos diversos elementos dunha páxina para conseguir unha disposición harmónica.

    4. s m [ARTE]

      Posición estable dunha composición pitórica ou escultórica. Depende da disposición das formas e da cor.

    5. equilibrio de cor [IND/ARTE]

      Axuste que se efectúa nos procesos fotográficos en cor, coa intención de asegurar unha reprodución correcta da mesma.

  4. s m [PSIC]

    Integración dos procesos psíquicos. O equilibrio psicolóxico ou mental caracterízase pola ausencia de excentricidades e por unha coherencia e estabilidade fundamentais da conduta persoal. No seu sentido dinámico, entendido como un proceso máis que como un puro resultado, o equilibrio é un sistema de compensacións das perturbacións externas por medio das actividades do individuo; na doutrina freudiana, o equilibrio xorde do feito de que os soños, as sublimacións, etc, compensan as frustracións externas e represións internas. Para as teorías da aprendizaxe e do condicionamento, o equilibrio, como a estabilidade das condutas, comporta, ademais, a asimilación dos factores externos a uns esquemas determinados e a acomodación destes esquemas ás situacións concretas.

  5. s m [ESPECT]

    Exercicio ximnástico e circense consistente en adoptar posicións difíciles mantendo o equilibrio como atracción do público. OBS: Úsase normalmente en plural.

  6. [ECON]
    1. equilibrio económico

      Situación dun sistema económico en que as variables relevantes se manteñen constantes e non hai tendencias que forcen un cambio. Aplicado aos mercados, refírese á igualdade entre a oferta e a demanda, e para os orzamentos, á igualdade nos ingresos e nos gastos. A teoría da escola clásica afirmaba que o equilibrio se mantería se se respectaban as leis da libre competencia. A escola de Lausanne (Léon Walras, Vilfredo Pareto) esforzouse en considerar as interrelacións recíprocas entre todos os mercados dos diferentes bens; os suxeitos económicos representábanse por sistemas de ecuacións que relacionaban, baixo determinadas condicións, os prezos coa cantidade de recursos dispoñibles. Os economistas contemporáneos enriqueceron este concepto. Alfred Marshall aplicou o concepto de equilibro ao ámbito illado do mercado dun único ben; a condición estática do equilibrio foi dinamizada por J. M. Keynes, quen estableceu que as magnitudes económicas están afectadas por flutuacións continuas e só accederan ao equilibrio como tendencia a longo prazo. Pola súa complexidade e polo carácter restritivo dos seus supostos, o equilibrio xeral tivo un valor fundamentalmente teórico. A pesar disto, foi a base para a elaboración das táboas input-output, de Wassily Leontiev, un dos instrumentos máis útiles para analizar as relacións intersectoriais da economía.

    2. equilibrio orzamentario

      Situación en que os gastos se equiparan aos ingresos. As finanzas públicas clásicas consideraban que esta situación tiña que cumprirse estritamente ao longo dun exercicio contable, feito que lle daba unha rixidez considerable fronte ás necesidades conxunturais. Na facenda moderna flexibilizouse este principio.

  7. [ECOL]
    1. equilibrio ambiental

      Relación harmónica de interdependencia e interacción entre un individuo, unha especie ou un grupo social e o seu contorno natural, no uso de recursos e na regulación do tamaño da poboación de referencia. Baixo condicións naturais, o equilibrio ambiental é un estado dinámico autorregulable. Isto significa que os diferentes mecanismos de interacción entre os organismos viventes e o seu contorno están rexidos por leis naturais inviolables.

    2. equilibrio biolóxico/ecolóxico

      Estado que acada ou tende a acadar un ecosistema determinado, de xeito que as especies animais e vexetais que o integran se manteñen constantes no seu número ou na súa biomasa.

  8. equilibrio fisiolóxico [FISIOL]

    Mantemento dunhas condicións físico-químicas determinadas no interior dos seres vivos. É imprescindible para o bo funcionamento do organismo e para a liberación da súa dependencia respecto ao medio.

  9. equilibrio político [POLÍT]

    Principio das relacións internacionais que intenta manter a paz ao impedir que calquera Estado, ou grupo de estados, se convirta en dominante, e perigue así a liberdade e a independencia dos demais, a través do mantemento doutra forza oposta igual á das posibles forzas hexemónicas.

  10. equilibrio químico [QUÍM]

    Estado dun sistema químico, ou reacción química, en que a velocidade da formación dos produtos a partir dos elementos reactantes é igual á velocidade de desaparición daqueles produtos para formar novamente os elementos iniciais da reacción. O equilibrio químico é un equilibrio dinámico, posto que o paso dos reactantes a produtos resultantes, e viceversa, é constante. Relaciónanse as actividades e as concentracións dos produtos da reacción coas dos reactantes por medio da lei de acción de masa, que define a constante de equilibrio do sistema para unhas determinadas condicións de presión e de temperatura, coa que se determina a composición do sistema en equilibrio. A influencia da presión e da temperatura nesta composición está definida polo principio de Le Chatelier. Desde un punto de vista termodinámico, nos sistemas isentrópicos o estado de equilibrio é o de mínima enerxía, e no caso de que a enerxía se manteña constante, coma nos sistemas illados, o estado de equilibrio é o de entropía máxima.

  11. equilibrio xenético [XEN]

    Estado de estabilidade ao que poden chegar as poboacións a consecuencia da interacción entre os factores que regulan a variabilidade xenética, como a mutación, a selección natural, a migración e a derivación xenética, entre outros. As frecuencias dos xenes afectados mantéñense constantes de xeración en xeración.