equinococose
(< lat científicoEchinococus, xénero de animais)
Parasitose producida polo desenvolvemento de tenias do xénero Echinococus. O parasito é pequeno, de entre 7 e 14 mm de lonxitude, e corpo segmentado en tres ou catro aneis ou proglótidos. O primeiro, o escolex, presenta órganos de fixación -catro ventosas e unha dobre coroa de ganchos- e os seguintes forman o estróbilo. Como moitos outros endoparasitos carecen de aparato respiratorio, dixestivo e locomotor e teñen un sistema nervioso moi sinxelo. No último segmento ou proglótido sitúanse os ovos nun número de entre 500 e 800. Habita na fase adulta nos intestinos dos cans -caso da especie Echinococus granulosus-, dos gatos -Echinococus multilocularis- e doutros mamíferos como ovellas, cabras ou porcos. Os cans e os gatos adquiren a tenia aliméntandose de vísceras infestadas, mentres que o home o fai inxerindo alimentos contaminados cos ovos eliminados dos animais infectados, o que provoca a formación de quistes hidatídicos, que conteñen as mencionadas larvas, no fígado, no pulmón e noutros órganos internos. O embrión, que sae do ovo, absórbese no intestino e co sangue venoso chega ao fígado ou ao pulmón, onde comeza o desenvolvemento formando o quiste. Como medida preventiva, para evitar que os animais domésticos se contaminen, débese evitar alimentalos con vísceras crúas, xa que os quistes se destrúen na cocción. No home, a enfermidade pode pasar desapercibida durante varios anos e ten como único tratamento a cirurxía.