equinodermo -ma
(
-
adx
Relativo ou pertencente aos equinodermos.
-
s
m
[ANIMAL]
Deuteróstomo do filo dos equinodermos.
-
s
m pl
[ANIMAL]
Filo de animais mariños, principalmente bentónicos, de endoesqueleto de simetría radial ou bilateral -ás mais das especies con cinco partes ou raios iguais- calcario espiñento e formado por placas. Presentan un sistema acuífero, consistente nunha serie de vasos internos cheos de líquido -que penetra a través da placa madrepórica situada na parte dorsal do animal- e que serve para as funcións locomotora, adhesiva, alimentaria, sensorial e respiratoria. Teñen un sistema nervioso sinxelo formado por un anel ao redor da boca e nervios radiais, e non presenta nin cabeza nin cerebro. Tamén posúen series de pés ambulacrais que serven para desprazarse e capturar o alimento, e pedicelarios que cumpren a súa función na limpeza, e incluso na defensa, inxectando nalgúns casos veleno. O principal sistema de defensa dos equinodermos constitúeno as espiñas, que nalgúns casos poden resultar velenosas e tóxicas. Tamén poden presentar autotomía e desprenderse dunha parte do seu corpo, como un brazo, ou no caso dos holotúridos, expulsar os órganos de Cuvier que portan unha substancia pegañenta. A fecundación é externa e dá lugar a unhas larvas peláxicas nadadoras de simetría bilateral, que experimentan unha serie de transformacións e metamorfoses que orixinan animais raiados, que acaban por instalarse no fondo onde pasarán a vida de adultos. Algúns equinodermos, como as estrelas de mar, rexeneran partes do corpo. A maioría das especies son depredadoras de animais sésiles ou sedentarios -como as estrelas de mar, que se alimentan fundamentalmente de bivalvos aos que lles abren as valvas para logo liberar enzimas dixestivos no interior das cunchas que provocan unha dixestión externa-, mentres que outras son preeiras -algúns ourizos-, filtradoras -crinoideos-, raspadoras dos fondos -ourizos- ou comensais de esponxas. Os equinodermos están presentes tanto nas zonas intermareais, como nas zonas abisais -onde constitúen a fauna predominante-, distribuídos dende os trópicos ata as zonas polares. Existen dende hai máis de 600 millóns de anos e xa estaban ben establecidos no Cámbrico. No principio da súa historia evolutiva predominaron as formas sésiles, para as que sería claramente favorable adoptar unha estrutura radial, mentres que as formas actuais son, agás 80 especies das 6.000, de vida libre. Actualmente divídense en 5 clases: unha de equinodermos fixos ou pelmatozoos, representados pola clase dos crinoideos; e os non fixos ou eleuterozoos, que comprenden as outras catro clases. A clase dos crinoideos, denominados popularmente lirios de mar, caracterízanse por presentar de 5 a 200 brazos plumosos dispostos ao redor do corpo discoide e unha abertura bucal en posición dorsal. Algunhas especies presentan pedúnculo e outros pequenos apéndices cos que poden suxeitarse aos fondos. Existen unhas 600 especies distribuídas principalmente no Pacífico. A clase dos asteroideos, coñecida vulgarmente como estrelas de mar, caracterízanse por presentar, as máis das especies, 5 brazos arredor dun disco central -aínda que outras teñen 7, 12 e incluso 50-, e ter a boca en posición ventral e o ano en posición dorsal. Existen unhas 2.000 especies que varían de tamaño dende 1 ata 130 cm de diámetro. A clase dos equinoideos, coñecidos como ourizos de mar, de corpo globoso cuberto de espiñas, entre as que saen os pés ambulacrais, posúen na zona ventral a boca e o complexo aparato mastigador, denominado lanterna de Aristóteles, mentres que na parte dorsal do corpo está o ano. Existen unhas 900 especies, nas que se distinguen: os ourizos regulares, de fondos rochosos, que poden furacar superficialmente a rocha para protexerse, e os ourizos irregulares de simetría bilateral e cuncha aplanada, con espiñas menos prominentes, propios de fondos de area e de lodo onde se poden enterrar. A clase dos ofiuroideos caracterízanse por presentar escasas espiñas, 5 brazos de sección circular, ás veces ramificados, arredor dun disco central moi marcado. Son animais de gran mobilidade, que se esconden baixo pedras ou no interior de esponxas. Coñécense unhas 1.500 especies. A clase dos holoturoideos, denominados popularmente como carallotes, de corpo brando e coriáceo, sen espiñas nin pedicelarios e pés ambulacrais, están distribuídos ao azar. A boca e o ano encóntranse nos dous extremos opostos e a respiración depende de estruturas arborescentes presentes na cavidade anal. Existen unhas 900 especies que varían no tamaño dende os 20 ata os 100 cm. As gónadas dos ourizos valóranse na alimentación humana debido ao alto contido en proteínas e á alta porcentaxe de peso que supoñen para os animais en certas épocas do ano.