Eretmochelys
Xénero de sapoconchos mariños, da familia dos quelónidos, que abrangue unicamente a especie Eretmochelys imbricata. A cuncha é elíptica e acada os 114 cm de lonxitude, formada por 13 escudos maiores superpostos entre si de xeito imbricado -cinco dorsais e catro pares laterais- e un plastrón con catro escudos. Os escudos dorsais son de cor café con raias amarelas ou rubias e os do plastrón van dende a cor crema ata a branca amarelada. A cabeza e as aletas son máis escuras ca o resto do corpo e, xeralmente, as súas escamas presentan un bordo branco amarelado. A especie pode acadar un peso de 85 kg. As extremidades son moi planas, para servir como remos, e cada unha presenta dúas uñas no bordo anterior da aleta. Presenta unha cabeza de ata 12 cm de ancho, cun peteiro córneo e forte que lembra ao das aves de presa. Esta morfoloxía do bico permítelle acceder a presas situadas en gretas de rochas e corais, como esponxas, ascidias, anémonas e equinodermos, que constitúen a base da súa alimentación. Ademais destes animais sésiles, consome tamén algas, follas, froitas caídas ao mar e raíces de mangleiro. As femias acadan a madureza sexual, aproximadamente, ao superar os 50 cm de lonxitude de cuncha. Depositan os ovos en buracos que practican nas praias, xeralmente de noite e de xeito solitario. A posta, que pode ser de ata 4 veces no mesmo ano, pode variar de 71 a 223 ovos duns 36 mm de diámetro que tarda ao redor de 60 días en eclosionar. As crías nacen cunha lonxitude media de cuncha de 41 mm e son de cor café escura, con marxes claras, a parte ventral da mesma cor, con manchas máis claras e as puntas das aletas xeralmente máis escuras. A especie distribúese principalmente en augas claras costeiras e tropicais, como arrecifes, marismas e mangleirais, entre as latitudes 25° N e 35° A. Os animais novos están presentes, principalmente, en masas de algas flotantes como as dos argazos. Distínguense dúas subespecies: a do Atlántico -Eretmochelys imbricata imbricata, que vive dende Florida ata Centroamérica, especialmente nas Guyanas e o Mar Caribe- e a subespecie do Pacífico e o Índico -Eretmochelys imbricata squamata presente dende a Baixa California ata Centroamérica e nas costas meridionais de Asia e Australia. No pasado tamén estivo presente no Mar Mediterráneo. Os animais poden realizar, de xeito ocasional, viaxes de ata 1.500 km e aparecen individuos errantes en zonas temperadas; deste xeito poden aparecer nas augas da costa galega, principalmente se trata de animais novos de menos de 35 cm de lonxitude total, debilitados ou mortos nas praias. Recibe a denominación popular de sapoconcho carei.