Ernst, Max
Pintor e escultor alemán. Realizou estudios de filosofía, psiquiatría e historia da arte en Bonn. As súas primeiras obras relacionáronse cos expresionistas alemáns. Con H. Arp e J. Baargeld creou o grupo dadaísta de Colonia (1919), onde introduciu a colaxe e a fotomontaxe. En 1921 pintou L’éléphant Célèbes (O elefante Célèbes, 1921) e participou nunha exposición organizada por A. Breton. En 1922 instalouse en París e participou no Salon des Indépendants, entre outros cos lenzos Oedipus rex (Edipo Rei) e Au rendez-vous des amis (A cita dos amigos). Uniuse ao surrealismo en 1924 e en 1925 adoptou nas súas pinturas ao procedemento de frottage, técnica coa que realizou, entre outras obras, o álbum Histoire naturelle (Historia natural, 1926). Entre as súas esculturas destaca A bela alemana (1934). En 1936 comezou a empregar a técnica de décalcomanie e en 1938 rompeu co movemento surrealista, aínda que as súas obras continuaron no mesmo estilo. Trala invasión alemá de Francia estivo encarcerado, e en 1941 trasladouse aos EE UU coa axuda de Peggy Guggenheim. En Nova York editou con A. Breton e M. Duchamp a revista VVV (1942-1944). Adquiriu a nacionalidade estadounidense en 1948 e en 1953 regresou a París. En 1958 nacionalizouse francés. Publicou diversas novelas-colaxe entre as que sobresaen La femme 100 têtes (A muller de 100 cabezas, 1929) e Une semaine de bonté (Unha semana de bondade, 1934). En 1961 realizou a escenografía para Judith, espectáculo creado a partir dun texto de Jean Giraudoux e en 1968 colaborou na ópera Turangalila, estreada na Ópera de París.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Brühl, Renania do Norte -
Deceso
Lugar : Westfalia -
Deceso
Lugar : París