Ertzaintza
Corpo policial autonómico de Euskadi. Os foros permitíronlles aos territorios vascos exercer historicamente facultades policiais, fundamentalmente coas milicias municipais, que se reunían en circunstancias extraordinarias. A inestabilidade política do s XIX favoreceu a delincuencia, feito que fixo que as autoridades forais decidiran enfrontala coa formación de corpos permanentes: mikeletes en Bizkaia e Gipuzkoa, e miñones en Araba (posteriormente chamáronse así tamén os biscaíños). Malia a intención estatal de substituír todos os corpos policiais pola Garda Civil, creada en 1844, os corpos forais mantivéronse. En plena Guerra Civil, as Cortes da República promulgaron o Estatuto Vasco de Autonomía (1.10.1936), que significou a fundación da ertzaña, policía da administración autonómica. Trala ocupación de Euskadi polos sublevados, o goberno de Burgos decretou a supresión do réxime foral de Bizkaia e Gipuzkoa, e con ela a disolución dos seus corpos policiais. Tamén se disolveron as institucións autonómicas, entre elas a ertzaña, polo que a única policía peculiar que seguiu operando en Euskadi foron os miñones de Araba. A recuperación da autonomía en 1979 propiciou a formación da Ertzaintza. A Euskal Herriko Polizia Ikastegia (Academia de Policía de Euskadi) inaugurou a súa actividade en febreiro de 1982. Seis meses despois comezou a operar a Ertzaintza na protección de altos cargos e custodia de sedes das institucións autonómicas. Adquiriu máis responsabilidades, como o control do tráfico, ata que en 1992 a Ley de Policía del País Vasco recoñeceulle todas as competencias en materia de orde pública, que asumiu plenamente en 1995 ao culminar a cobertura de todo o territorio, de xeito que os corpos de seguridade do Estado só desenvolven en Euskadi labores de control de fronteiras e aeroportos, vixilancia das delegacións estatais e expedición do DNI.