Escania

Escania
Nome científico: [sueco: Skåne]

Län do S de Suecia, que comprende os condados de Kristianstad e Malmöhus (11.027 km2, 1.120.426 h [estim 1999]). A capital é Malmö. É unha das zonas máis fértiles de Suecia. Entre os principais produtos agropecuarios que produce destacan a carne, os cereais e as patacas. Tamén son importantes o comercio e a industria. Formou parte do reino dinamarqués dende o s IX. Contaba cunha asemblea lexislativa (ting) propia na cidade de Lund, que lexislaba segundo as súas normas e participaba na elección dos monarcas dinamarqueses. Lund converteuse en sé arcebispal e primada da provincia eclesiástica do N, ao redor do 1103. Pola súa estratéxica situación foi cobizada polos suecos, que conseguiron a súa incorporación polo Tratado de Roskilde (1658). Baixo o goberno dos suecos conservou o seu propio parlamento e as súas normativas (1658-1720). A rexión dividiuse en tres provincias administrativas sometidas ao goberno sueco (1809): Skåne, Halland e Blekinge. A lingua escrita oficial en Escania é o sueco, pero o dinamarqués é a máis arraigada. Non obstante , xa os textos das runas de Escania evidencian a existencia dunha lingua específica, o escaniano, que se diferenza dos seus veciños lingüísticos en formas gramaticais e vocabulario. A inexistencia dun estándar escaniano provocou que se formasen moitas variedades locais. En 1983 comezouse co proxecto de elaborar un dicionario escaniano-sueco-dinamarqués, coa coordinación de Docent Helmer Lång e as colaboracións de Sten Bertil Vide (quen escribiu unha tese de doutoramento dos nomes escanianos das flores) e os dinamarqueses Birger Bergh, Inger Elkjær e Inge Lise Pedersen.

Palabras veciñas

escanelado -da | escáner | escangallar | Escania | Escania, ducado de | escano | escañota