escarapote
-
s
m
[ANIMAL/ICT]
Nome de varios peixes da familia dos escorpénidos, caracterizados por ser animais grosos de cabeza de gran tamaño, cubertos de lóbulos cutáneos e aguillóns que poden presentar canles e glándulas velenosas. Aliméntanse de peixes, crustáceos e moluscos. Viven nos fondos, onde cazan á espreita gracias á coloración críptica que presentan.
-
escarapote común
[ANIMAL/ICT]
Escarapote que acada os 25 cm de lonxitude, de cor acastañada cinsenta ou arrubiada, con manchas escuras. Presenta unha liña lateral con máis de 55 escamas alongadas e pequenas. As máis das veces amosan unha proliferación ramificada baixo o ollo e outra de menor tamaño no orificio nasal anterior. Son animais solitarios e sedentarios, propios dos fondos rochosos ou herbáceos, de ata 800 m de profundidade. A especie está distribuída polo Mar Mediterráneo e o Océano Atlántico, dende Senegal ata Francia.
-
escarapote da lama
[ANIMAL/ICT]
Escarapote que acada os 50 cm de lonxitude, de cor acastañada ou vermella, e cunha mancha negra entre o oitavo e décimo radio espiñento da aleta dorsal. A liña lateral presenta entre 34 e 46 escamas tan anchas coma longas. Vive en fondos lamacentos ou de area, entre os 15 e 700 m de profundidade. Distribúese no Océano Atlántico, dende Senegal ata o Golfo de Bizkaia, e polo Mar Mediterráneo.
-
escarapote da pedra
[ANIMAL/ICT]
Escarapote de ata 50 cm de lonxitude, de cor rubia ou amarelenta. Caracterízase por presentar unha liña lateral de entre 35 e 45 escamas de gran tamaño. O diámetro do ollo é menor ca a distancia entre o ollo e a punta do fociño, e a mandíbula inferior conta con numerosos apéndices laminares. As espiñas da cabeza, os primeiros raios espiñentos das aletas, e as espiñas presentes no opérculo poden inocular veleno. Viven en fondos rochosos ou areosos de entre 20 e 200 m de profundidade. Son animais solitarios, con querencia por lugares concretos do fondo. A especie está distribuída polo Mar Mediterráneo e o Océano Atlántico, dende Senegal ata Gran Bretaña.