Escipión
Familia romana da gens Cornelia que se constituíu no s IV a C e se estendeu ata o final da República. Durante os ss III e II a C, os seus membros destacaron pola súa participación na política romana cunha actitude imperialista e antidemagóxica, ao tempo que favoreceron a penetración da cultura grega en Roma. Lucio Cornelio Escipión Barbatus , cónsul no 298 a C, venceu os etruscos en Volterra e someteu a Lucania; o seu fillo Cneo Cornelio Escipión Asina (s III a C), foi cónsul no 260 a C e no 254 a C; Lucio Cornelio Escipión (s III a C), irmán do anterior e cónsul no 259 a C, conquistou Alesia e parte de Córsega; os seus fillos Cneo Cornelio Escipión Calvo (?-211 a C) e Publio Cornelio Escipión (?-211 a C), e o seu fillo Publio Cornelio Escipión Africano (235 a C-183 a C), destacaron nas loitas en Hispania; o seu irmán Lucio Cornelio Escipión Asiático (s III a C- s II a C), cónsul no 190 a C, dirixiu a guerra contra Antíoco III de Siria; Publio Cornelio Escipión Emiliano (185 a C-129 a C), fillo adoptivo de Escipión Africano, loitou en Hispania; Publio Cornelio Escipión Nasica (219 a C-?), fillo de Cneo Cornelio Escipión, foi cónsul no 191 a C; Publio Cornelio Escipión Nasica Corculo (s II a C), fillo do anterior, foi cónsul no 162 a C e no 155; e o seu fillo Publio Cornelio Escipión Nasica Serapio (?-132 a C), cónsul no 138 a C, enfrontouse co partido dos Gracos.