esclerose

esclerose

(

  1. [PAT]
    1. s f

      Endurecemento morboso dos tecidos por lesión ou alteración patolóxica.

    2. esclerose cerebral difusa

      Enfermidade de Alpers.

    3. esclerose lateral amiotrófica

      Enfermidade da neurona motora caracterizada pola asociación dunha síndrome neuroxénica periférica a unha síndrome piramidal. A súa etioloxía é descoñecida. A evolución é mortal en dous ou catro anos. Anatómico-patoloxicamente se demostrou a desaparición e alteracións específicas das neuronas motoras dos cornos anteriores da medula e das circunvolucións frontais ascendentes. Tamén se coñece como enfermidade de Charcot.

    4. esclerose lineal

      Manifestación da esclerodermia que se caracteriza por liñas localizadas de esclerose.

    5. esclerose múltiple/en placas/diseminada

      Afección crónica do sistema nervioso central caracterizada pola aparición de zonas de desmielinización da substancia branca, chamadas placas, que orixina anomalías sensitivas e de control muscular. Existen varias formas de evolución da enfermidade: unha remitente-recorrente, na que os síntomas aparecen e logo melloran total ou parcialmente ocasionando brotes; unha progresiva, na que o curso da enfermidade é progresivo dende o seu inicio; e unha secundaria, que inicialmente se manifesta en forma de brotes pero que co tempo se volve progresiva. Os síntomas son moi variados en función das zonas do sistema nervioso afectadas: debilidade, formigo, pouca coordinación, fatiga, problemas de equilibrio, alteracións visuais, sensibilidade á calor e outros. Descoñécese a causa da súa aparición, pero parece claro que se trata dunha resposta autoinmune na que o organismo ataca a propia mielina. Aínda que non é hereditaria, hai factores xenéticos involucrados no desenvolvemento da enfermidade, que actúan xunto cos factores ambientais.

    6. esclerose sistemática progresiva

      Manifestación xeneralizada da esclerodermia.

    7. esclerose tuberosa

      Enfermidade conxénita, xeralmente hereditaria, transmitida por mecanismo autosómico dominante, aínda que tamén pode ser debida a unha mutación. Relaciónase con alteracións en xenes localizados nos cromosomas 16 e 9 que, en condicións normais, actúan como supresores tumorais. Caracterízase por crises convulsivas, dificultades na aprendizaxe, trastornos na conduta e formación de tumores e outras malformacións no sistema nervioso, na pel e noutros órganos. Tamén se coñece como enfermidade de Bourneville.

  2. s f [BOT]

    Endurecemento dalgunhas membranas celulares por engrosamento ou por lignificación. Prodúcese ao se formaren as esclereidas e tamén en certos procesos patolóxicos a consecuencia de deficiencias hídricas ou de lesións mecánicas. Ten lugar nas zonas máis vellas do líber, co carácter dun proceso de tipo secundario.