escocés -sa
(< topónimo Escocia)
-
adx
Relativo ou pertencente a Escocia, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Escocia.
-
s
m
[LING]
Lingua que pertence á familia celta do phylum indoeuropeo que se fala, sobre todo, na Escocia occidental. Dentro desta familia clasifícase no grupo goidélico do celta insular. O escocés (ou gaélico de Escocia) deriva do irlandés antigo (ou gaélico de Irlanda) que os irlandeses introduciron no s V en Escocia e que se estendeu ata o Clyde no s XVI. Desde o s XI o inglés foise introducindo na aristocracia escocesa e a partir do s XIII chegou a súa influencia á rexión do sur (Lowlands). Así, foi perdendo dominios lingüísticos ata que o seu uso quedou practicamente reducido ás illas occidentais das Highlands, ou rexión do norte. Afastado da literatura, o escocés mantívose nos rexistros orais ata que no s XVIII o poeta escocés James Mac Pherson publicou, baixo o título de Ossian, as vellas lendas celtas, que posteriormente traduciu ao inglés. Foise constituíndo como lingua diferente do irlandés ao recibir as influencias do nórdico e do inglés. Moi fragmentado dialectalmente, entre as súas características lingüísticas, cómpre destacar: as consoantes oclusivas /p/, /b/, /k/, /g/ poden pronunciarse fricativas [f], [v], [x], [γ] pola influencia dos sons precedentes; a súa estrutura fonolóxica caracterízase pola aspiración e a flexión interna; os substantivos teñen dous xéneros (masculino e feminino) e dous números (singular, engadindo -an, e plural) e declínanse en catro casos (nominativo, xenitivo, dativo e acusativo); o acento xeralmente vai na primeira sílaba; os verbos son bastante regulares e só usan os pronomes persoais cando son necesarios; distinguen entre formas verbais independentes, que se conxugan en dúas voces, tres modos (indicativo, imperativo e subxuntivo) e dous tempos básicos (pasado e futuro), e dependentes, que se usan en oracións negativas, interrogativas e condicionais; e a orde habitual da oración é verbo + suxeito + complementos. Ademais, escríbese en caracteres latinos e distingue acentos agudos e graves. Mantéñense falantes de escocés nas Highlands e nas Hébridas, e pequenos núcleos de falantes en Glasgow, Edimburgo, Londres e Nova Escocia (Canadá).
-
s
f
[MÚS]
Danza rápida aparecida en Inglaterra e Francia cara ao 1780. O compás é de 3/2 ou 2/4. A súa orixe, malia o nome, non é escocesa senón inglesa. Beethoven e Schubert escribiron escocesas para piano.
-
adx
[TÉXT]
Aplícase á peza ou ao tecido de la, seda ou doutras materias primas que se caracteriza por ter un debuxo de cadrados formado por liñas de diferentes cores que se entrecruzan.
-
arte escocesa
[ARTE]
Arte desenvolvida en Escocia. As primeiras manifestacións artísticas son as cámaras sepulcrais neolíticas e os círculos líticos da Idade do Bronce. Da época romana destaca a muralla de Antonino (143). Coa introdución do cristianismo, impúxose o denominado estilo irlandés, formado, segundo algúns historiadores, entre os pictos do NL de Escocia. O estilo unía os motivos celtas autóctonos baseados no decorativismo abstracto cos coptos chegados por vía marítima. As obras máis importantes deste momento son a cruz de Ruthwell (s VII) e o evanxeliario de Lindisfarne (687-721). Tralo establecemento dos normandos contruíronse, entre outros, os castelos de Duffus, Caerlaverock e Threave. Cara ao s X comezou a edificación de torres redondas nas igrexas, como por exemplo en Egilsay. No eido da arquitectura románica do s XII destacan a abadía de Jedburgh e o mosteiro de Kelso. Da arte gótica, sobresaen a abadía de Dundrennan e o coro da catedral de Glasgow. O brillo e a artificiosidade da arte céltica foron unha das constantes da arte escocesa, aínda que a partir do s XVI tiveron maior influencia o moralismo e a austeridade impostas polo calvinismo. Destacan, entre outras obras, a capela Rosslyn (1450) e a catedral de Saint Giles de Edimburgo. As primeiras formas do Renacemento aplicáronse á decoración arquitectónica baseada nos modelos franceses. Cómpre salientar a decoración do castelo de Edimburgo e do palacio de Falkland. Ademais, destacaron os castelos Kellie (1573), Balmanno, Dundarave (1596) e Crathes (1596). Iñigo Jones (1573-1652) realizou o hospital de Heriot (1628-1629) en Edimburgo nun estilo clasicista que reinterpretou William Bruce (?-1710), entre outras obras, na Holyrood House (1671). Robert Adam (1728-1792) construíu, entre outras obras, a Charlotte Square (1791), característica urbanización xeorxiana, a Register House e a Universidade de Edimburgo. O proxecto urbanístico máis relevante do s XVIII foi a New Town de Edimburgo, de J. Craig. En pintura destacaron Allan Ramsey (1713-1784), pintor da corte de Xurxo III, que se anticipou ao retrato italiano posto de moda por J. Reynolds e sir Henry Raeburn (1756-1823), que desenvolveu un intenso labor cultural culminado, despois da súa morte, coa creación da Royal Scottish Academy en 1826. No s XIX desenvolvéronse na arquitectura dúas grandes correntes historicistas. A corrente goticista estivo representada, entre outras obras, pola catedral de Saint Mary de Edimburgo, obra de George Gilbert Scott (1880-1960) e pola igrexa de Saint John de W. Burn, polo Marishall College de Aberdeen de Mackenzie e polo monumento a Walter Scott en Edimburgo. O clasicismo supuxo a adaptación do neogrego na construción de obras, como a High School de Edimburgo de Thomas Hamilton, a Royal Scottish Academy de William Henry Playfair (1789-1857), a National Gallery (1850) ou as obras de Alexander Thomson (1817-1875), coñecido como o Grego. O século culminou coa creación da chamada escola de Glasgow, representante do modernismo escocés. Ch. R. Mackintosh (1868-1928), a personalidade máis destacada, ofreceu na Glasgow School of Art as características máis importantes do grupo, que fixeron que a escola superase o propio modernismo e enlazase cos movementos racionalistas. Entre as construcións posteriores destacan a Universidade de Stirling (1961) e o centro cidadán de Cumberland.
-
escola escocesa
[FILOS]
Escola filosófica fundada en Aberdeen no s XVIII por Thomas Reid, Dugald Stewart e James Oswald, entre outros. Representa unha reacción contra as consecuencias do sensismo de J. Locke, da cosmoloxía de G. Berkeley e do escepticismo de D. Hume. Afirma a indubitabilidade do common sense (sentido común) e a existencia dunha verdade transcendental, que se fundamenta na posibilidade de que o obxecto da percepción se dea de forma inmediata. Os seus temas céntranse na gnoseoloxía e a moral.
-
literatura escocesa
[LIT]
Escocia ten unha literatura de temática común e de desenvolvemento paralelo á literatura de Irlanda dende o s VI. Os poetas medievais escoceses son coñecidos polo Libro do deán Lismore (s XVI), compilación integrada por poetas e por baladas anónimas relativas aos fenianos e a Cuchulainn. Entre os bardos escoceses destacou Iain Lom (ss XVII-XVIII). O período de ouro da poesía foi no s XVIII, con Alexander Mac Donald, autor dun dicionario gaélico-inglés, e cunha colaboración anglo-escocesa máis estreita. Figuras destacadas e creadoras de escola foron o poeta e musicólogo Robert Burns (1759-1796), autor de Poems, chiefly in the scottish dialect (Poemas, principalmente en dialecto escocés, 1786); sir Walter Scott (1771-1832), recolleu lendas e baladas escocesas e evocou o pasado histórico do país en obras como Rob Roy (1818), Quintin Durward (1823) e Ivanhoe (1820); e Robert Louis Stevenson (1850-1894), ensaísta, poeta e novelista autor de Treasure Island (A illa do tesouro, 1883), The strange case of doctor Jekyll and Mr. Hyde (O estraño caso do doutor Jekyll e Mr. Hyde, 1886), The black arrow (A frecha negra, 1888) e The master of Ballantrae (O señor de Ballantrae, 1889). En 1890 fundouse a An Comunn Gaidhealach. No s XX destacou Angus Robertson (1870-1948) e, posteriormente, Somhairle Macghilleathain e Deorsa Caimbeul Hay.
-
música escocesa
[MÚS]
Giraldus Cambrensis, na Topographia Hibernica (1190?), foi o primeiro en facer referencia á arte musical e o mosteiro de Saint Andrews foi o centro da música polifónica. Doutra banda, xurdiu unha música popular baseada no instrumento máis típico do país: o bagpipe, variante da cornamusa. Non se coñecen nomes de compositores ata o s XVI; no Saint Andrews Psalter (O salterio de Saint Andrews, 1556) hai pezas de David Peebles e de Robert Johnson. No s XIX espertou a música nacional escocesa con figuras como Alexander C. MacKenzie (1847-1935), Jonh B. McEwen (1868-1948) e William Wallace (1860-1940).