Escola Agrícola da Granxa de Barreiros

Escola Agrícola da Granxa de Barreiros
[EDUC]

Escola agrícola que se puxo en marcha na Granxa de Barreiros de Ortoá (Sarria), baixo o impulso do empresario agrícola Antonio Fernández López (1903-1971) e do mestre galeguista e renovador Avelino Pousa Antelo (1914). Ambos os dous estaban convencidos de que a transformación social e económica do medio rural podía comezar pola escola se esta lograba dedicar o tempo necesario á formación dos nenos dos labradores partindo do seu propio sistema de vida e do coñecemento práctico e efectivo do medio rural natural e social. Con este obxectivo o 1 de febreiro de 1948 inaugurouse a Escola Primaria de Orientación Agrícola da Granxa de Barreiros, totalmente gratuíta para os escolares da parroquia. As clases repartíanse en sesións de mañá, tarde e noite, seis días á semana. Para que a escola fose eficaz en relación co medio circundante, esta tiña que preparar os alumnos e darlles coñecementos en diversos campos, entre eles, no das técnicas agropecuarias. Estas realizábanse in situ nos campos que rodeaban a Granxa. Así, cultivábanse os hortos e, asemade, fomentábase unha educación colectiva e comunitaria, e incidíase na educación alimenticia dos nenos ao ligar o cultivo do horto á dieta do comedor escolar. Mellorouse o cultivo de plantas e a cría de animais na comarca e introducíronse novos cultivos (allo porro, cenorias, espinacas, espárragos, etc). Tamén, nalgunhas ocasións, acudían a dar charlas coloquio na escola persoas de diversas ramas do saber (veterinarios, enxeñeiros, xenetistas, etc) como Joan Rof i Codina, Escribano Tejedor, Dadín Tenreiro e Pedro Urquijo. Co fin de ampliar o número de escolas agrícolas, Antonio Fernández promoveu diversos cursos de formación agropecuaria (en Lugo realizáronse uns 25 cursos e na Coruña uns 2 ou 3), de 2 meses de duración e 8 horas diarias (teoría e práctica) de clase en que se ensinaban nocións de física, química, climatoloxía, fertilizantes, maquinaria agrícola e outras. Para facilitar o traballo docente, Antonio Fernández, Avelino Pousa e Valentín Arias confeccionaron un Programa de centros de interés, prácticas y enlaces culturales fundamentales, basados en la vida agrícola del medio para el desarrollo de la enseñanza en las escuelas rurales, con 189 temas desenvolvidos na Escola Granxa de Barreiros (Sarria). Aínda que recibían axudas de varias entidades, a falta de diñeiro e de apoio do ministerio de Educación fixeron que esta iniciativa rematase en 1971.

Palabras veciñas

escoitador -ra | escoitar | escola | Escola Agrícola da Granxa de Barreiros | Escola de Artes e Oficios | Escola de Belas Artes | Escola de ferrado