Escola de ferrado

Escola de ferrado
[EDUC]

Modelo de escola de carácter privado e popular característico do medio rural galego durante o s XIX e boa parte do XX. A súa denominación débese á forma de pago: un ferrado de centeo, trigo ou millo por neno e tempada. A retribución en especie durante o s XIX era maioritaría, pero esta foi cambiando co tempo -cartos, especie ou mixta-, aínda que o referente sempre foi o valor real do ferrado de gran acordado. Constitúe un exemplo único de educación popular e xurdiu da necesidade, á marxe de calquera institución pública ou privada, froito da iniciativa e organización espontánea dos labregos. A súa implantación foi case xeral en toda Galicia. Debido á presión que exercían sobre este modelo escolar as autoridades educativas oficiais, a súa existencia case sempre se desenvolveu nunha relativa clandestinidade. As persoas que se dedicaban profesionalmente a poñer este tipo de escolas recibían o nome de escolantes, que eran contratados polos pais por tempada; normalmente as clases eran en inverno, aproveitando que se paraban os labores agrícolas nese tempo. Aínda que son únicas como experiencia de ensino-aprendizaxe, gardan certas concomitancias con outras experiencias semellantes propias doutros ámbitos xeográficos de España (Andalucía, por exemplo). Os contidos propios deste tipo de escola tiñan un carácter esencialmente práctico relacionado sempre coa realidade agrícola e as necesidades de cultura e coñecemento dos labregos: nocións básicas de aritmética, lectura e escritura centrada na redacción de documentos de compra-venda. Dada a falta de formación específica dos escolantes a metodoloxía empregada era rutineira, e a repetición era a súa base e xustificación. Normalmente as clases tiñan lugar na casa dun veciño e a ela acudían todos os nenos da aldea. Ás veces o escolante cambiaba de casa cada certo tempo para repartir entre os veciños as custas da súa mantenza. A medida que a rede pública escolar foi mellorando, sobre todo pola impregnación de contidos, as escolas de ferrado foron desaparecendo, aínda que en certos ámbitos -a montaña luguesa ou Bergantiños, por exemplo- existiron case ata a promulgación da Lei Xeral de Educación (1970) e a política de construcións escolares que a completaban. Isto fixo que pouco a pouco as escolas de ferrado perdesen o sentido práctico e desaparecesen. Foron perseguidas e ridiculizadas fundamentalmente polas carencias que amosaban. Non obstante , estudiosos como Narciso de Gabriel recoñecen que Galicia debe aos seus escolantes o feito de non ocupar os derradeiros postos nas estatísticas estatais, e mesmo superar sempre a media española de alfabetización masculina. Non era moito o que aprendían a maioría de nenos e nenas -durante o s XIX a presenza de nenas era case anecdótica, co paso do tempo foise normalizando- no seu paso polas escolas de ferrado, pero case todos saían lendo e tamén, segundo foi pasando o tempo, escribindo.