Escudo de Galicia

Escudo de Galicia

Emblema propio da Comunidade Autónoma de Galicia que simboliza a súa identidade como nacionalidade histórica.
Lexislación
O Estatuto de Autonomía de Galicia (Lei Orgánica 1/1981 de 6 de abril) recolle no seu Artigo 6.2 que “Galicia ten himno e escudo de seu”. Esta afirmación estatutaria desenvolveuna o Parlamento de Galicia ao aprobar a Lei de Símbolos de Galicia 5/1984 de 29 de maio (LSG), que no seu Artigo 1 proclama: “A bandeira, o escudo e o himno de Galicia simbolizan a súa identidade como nacionalidade histórica”. A composición do escudo indícase no Artigo 3: “O escudo de Galicia trae, en campo de azur ou azul, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe. O timbre, coroa real, cerrada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de perlas, e de cada un dos floróns sae un diadema sumado de perlas, que converxen nun mundo de azur ou azul, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro. A coroa, forrada de goles ou vermello”. No Artigo 7 indícanse os lugares en que debe figurar: “nas bandeiras ás que se refire o Artigo 5 (en todos os edificios públicos do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, e nos actos oficiais que nel se celebren); nas Leis de Galicia que promulgue, en nome de El-Rei, o presidente da Xunta; nas placas das fachadas dos locais da Administración autonómica; nos cuños en seco e de lacre da Comunidade Autónoma; nos títulos acreditativos de condecoracións galegas; nas publicacións oficiais; nos documentos impresos, cuños e cabeceiras de uso oficial da Comunidade; nos diplomas e títulos expedidos pola Comunidade Autónoma; nos distintivos usados polas autoridades ou funcionarios da Comunidade aos que lles corresponda; nos edificios públicos e nos obxectos de uso oficial en que, polo seu carácter representativo, sexa pertinente”. A Disposición Adicional segunda desta LSG precisa o lugar da bandeira onde se debe colocar e as súas dimensións: “no centro e cunha altura igual á metade do largo da bandeira”. Ademais, segundo o Artigo 2 da mesma Lei, “a bandeira de Galicia deberá levar cargado o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma”. As especificacións técnicas para a súa reprodución gráfica establecéronse no Decreto 73/1985 de 18 de abril, de acordo coa norma UNE 72-032 (equivalente á internacional CIELAB), e cunha tolerancia de dez unidades de diferenza de cor segundo a norma UNE 72-036.
Historia
A integración do Reino de Galicia nas coroas de León e Castela a partir do s XII propiciou que as armas dos reis fosen as deses reinos, unha torre e un león rampante. As experiencias anteriores de independencia do Reino de Galicia -trala invasión sueva e durante breves períodos altomedievais (902-914, 926-929, 1065-1072)- desenvolvéronse nunhas épocas en que a representación do poder rexio empregaba outros símbolos, pois daquela a identidade dos guerreiros era facilmente recoñecible. O primeiro escudo que representou as armas do Reino de Galicia foi o Bergshammar-Vapenboken, un armorial elaborado en Flandres (1436-1450). Neste escudo aparecía simplemente un copón cuberto, en alusión quizais ao privilexio que posuía a catedral lucense da exposición permanente do santísimo sacramento. Desde inicios do s XVI o copón substituíuse por un cáliz cunha hostia, como o escudo impreso nas Ordenanzas de la Real Audiencia del Reino de Galicia (1679) e o utilizado pola Junta de Gobierno del Reino de Galicia. Desde finais do s XVI o cáliz rodeouse de seis cruces, como aparece no mapa de Fernando de Ojea (Descripción del Reyno de Galizia, 1603) e en Armas, i triunfos, hechos heroicos hechos por los hijos de Galicia (1662), de Felipe de la Gándara. Ao longo dos ss XVI e XVII as seis cruces dispóñense, por motivos estéticos, a cada lado da custodia, que substituíu o cáliz e mais a hostia. A finais do s XVII secularizouse a interpretación das cruces, que pasaron a identificarse coas sete cidades do Reino. A aparición dunha sétima cruz produciuse a mediados do s XIX e documéntase na Historia General del Reino de Galicia, de Pascasio de Seguín (1847), e na Historia de Galicia, de Manuel Murguía (1888); incluso nalgunhas representacións da primeira metade do s XX as cruces substituíronse por estrelas ou vieiras. A inclusión da cruz de Santiago sobre o escudo tivo lugar no s XVII, cando o seu uso deixou de ser exclusivo dos cabaleiros da orde de Santiago. O 21 de xuño de 1930 a xunta de goberno da Real Academia Galega definiu o escudo de Galicia deste xeito: “Un cáliz áureo sobre o que se sitúa unha hostia de prata, rodeado de sete cruces en campo de azul, e superado pola coroa real e a cruz de Santiago”. Anteriormente, Camilo Díaz Baliño deseñara un escudo similar para a portada da revista A Nosa Terra (1924). Malia o ditame da RAG, o emprego dun escudo cun cariz relixioso foi rexeitado por algúns galeguistas, que consideraron necesaria a súa substitución por outro desprendido deses elementos. Este pretexto, especialmente relevante durante a Guerra Civil, cando o episcopado español se pronunciou a prol do bando sublevado, propiciou que Castelao deseñase en 1937 unha proposta de escudo que levaba, en campo de azul, unha fouce de ouro e unha estrela de goles (alegorías do traballo e da liberdade), orlado coa lenda “Denantes mortos que escravos” e superado dunha serea (símbolo do mar). En 1972, a Real Academia Galega ditaminou o modelo de escudo que, unha vez establecida a autonomía, declararía oficial o Parlamento de Galicia en 1984.