esloveno -na

esloveno -na

(< topónimo Eslovenia)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Eslovenia, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Eslovenia.

  3. [ETN/HIST]
    1. s

      Individuo do pobo esloveno.

    2. s m pl

      Pobo eslavo procedente dos Cárpatos, establecido dende a segunda metade do s VI na actual Eslovenia, e nas rexións de Istria, Carniola e Carintia.

  4. s m [LING]
  5. Arte desenvolvida en Eslovenia. Durante as idades Media e Moderna desenvolveuse unha arte fundamentalmente relixiosa. No eido da arquitectura, o estilo gótico estendeuse dende a segunda metade do s XIII ata o s XVII. Entre outras obras cómpre destacar as igrexas de Kostanjevica (s XIII), de Crngrob (ss XIV-XV) e de Kranj (s XV). En Ljubljana destaca o castelo, reconstruído no s XVI. O barroco chegou ao país da man dos arquitectos italianos; no s XVII construíuse, entre outras, a catedral de San Nicolao, trazada por A. Pozzo. En Piran cómpre destacar as murallas do s XVI que conservan sete torres. No eido da escultura salientou F. Robba, de orixe italiana. No s XIX cómpre subliñar, na arquitectura, a obra de J. Plečnik (1872-1957) e os seus discípulos Ivan Vurnik, Edvard Ravnikar e Boris Prodecca. A pintura asumiu as tendencias de Austria e Alemaña; destacaron Anton Ažbe (1862-1905), retratista, e Ivana Kobilca (1861-1926). No s XX sobresaíron os impresonistas Ivan Grohar, Matija Jama, Matija Sterne e Richar Jakopič, e os expresionistas F. e T. Kralj. Na Academia de Belas Artes, fundada trala Segunda Guerra Mundial, formáronse, entre outros, Gabriel Stupica, Riko Debenjak, Maksim Sedej, Božidar Jakac, Veno Pilon e France Mihelič; e na Escola de Arte Gráfica de Ljubljana, Janez Bernik, Andrej Jemc e Jože Ciuha. Dende 1950 desenvolvéronse as novas tendencias vangardistas, actitude que se intensificou trala independencia. Entre os membros das últimas xeracións destaca Zoran Mušič.

  6. A cultura eslovena, antes da aparición da literatura escrita, era rica en tradicións poéticas orais. Nos ss X e XI apareceron os primeiros documentos literarios escritos, de carácter relixioso. As orixes da formación da literatura eslovena están ligadas ao movemento relixioso protestante do s XVI, no que destacaron as obras didácticas de Primož Trubar e a tradución da Biblia á lingua vulgar por J. Dalmatiu. A literatura profana xurdiu no s XVIII, coincidindo co renacemento cultural esloveno, con figuras como Valentin Vodnik (1758-1819), autor dunha gramática. Co romanticismo, que tivo o seu representante máis destacado no poeta France Prešeren (1800-1849), consolidouse definitivamente a tradición literaria eslovena. Entre os románticos, cómpre mencionar tamén o contista Fran Levstik (1831-1887), os poetas Simon Gregorčic e Simon Jenko (1835-1869), e Josip Jurčic (1836-1932), autor da primeira novela en esloveno, publicada en 1866. A finais do s XIX, o romanticismo foi desprazado por unha orientación realista de temática basicamente social, representada, entre outros, polos prosistas Janko Kersnik (1852 -1957) e I. Tavčar (1851-1923). Ao inicio do s XX, a literatura eslovena sufriu unha forte influencia alemana, patente nas obras de Ivan Cankar (1876-1918) e Oton Župančič (1878-1949). Esta influencia amósase xa na adopción das vangardas da época e culminou no período de entreguerras, época en que o expresionismo se converteu na corrente predominante. Despois da Segunda Guerra Mundial, autores como Matej Bor (1913) e Tone Seliškar (1900) reflectiron a experiencia bélica nunha gran diversidade de estilos, en contraste co uniformismo do realismo socialista establecido noutros países do Leste. Nos anos cincuenta e posteriores, escritores como C. Zoblec (1925), G. Strniša e D. Zajc caracterizáronse polo rexeitamento de fórmulas ríxidas e a adopción das novas correntes literarias, que coexistiron cunha fidelidade considerable á literatura popular.

Palabras veciñas

Eslovaquia | Eslovenia | Eslovenia, serra de | esloveno -na | esluír | eslumecer | esmadroar