esmalte

esmalte

(< fráncico *smalt?)

  1. s m
    1. [QUÍM]

      erniz vítreo aplicado por fusión a un metal, á porcelana, á louza ou a outro tipo de material. Ten unha gran resistencia aos elementos corrosivos e emprégase na protección de metais e con finalidade decorativa. A súa fusibilidade e o seu coeficiente de dilatación teñen que ser compatibles cos do material de soporte.

    2. [QUÍM]

      Pintura de base alquídica que contén xeralmente resinas de urea ou de melanina, que lle confiren unha maior brancura e dureza.

    3. [ARTE]

      Obxecto adornado de esmalte. O po de esmalte pode ser opaco ou translúcido e aplícase á cerámica e ao metal. O esmalte de tipo cloisonné ou alveolado consiste en colocar perpendicularmente sobre a superficie do metal pequenas láminas que forman un tabicado que segue as liñas do debuxo; as láminas fíxanse por medio dun fundente, e os espacios que se forman entre os tabiques rechéanse de po de esmalte e, trala fusión, púlense con esmeril. Entre outras variantes destacan a filigrana e o fenestrado. O esmalte de tipo champlevé ou escavado é aquel que obtén a superficie que se quere esmaltar mediante o baleirado do metal a través de medios químicos ou cun buril e que, trala fusión, se pule con esmeril. O esmalte pintado foi tratado con pintura aplicada ou pincel unha vez fundido e frío, e tense que volver quentar a unha temperatura inferior para que se fixe a pintura e para que non se funda o esmalte. O esmalte translúcido, ou esmalte sobre relevo dos prateiros, é un policromado sobre figuras en relevo ou vulto redondo feito con esmaltes. A técnica de esmalte coñecíase no antigo Exipto, pero foi en Grecia (800 a C) onde se localizaron os testemuños máis antigos. O manto da estatua do Zeus de Fidias está decorado con esmaltes de tipo cloisonné. Os celtas adornaban as súas armas coa técnica do champlevé. Desde o s V adquiriron unha grande importancia os esmaltes bizantinos feitos sobre láminas de ouro. Destacan, entre outros, os conservados en Santa Sofía de Constantinopla e en San Marcos de Venecia. Na Idade Media, o esmalte introduciuse en Occidente a través dos mosteiros beneditinos. En Alemaña a figura máis relevante do s XII foi o monxe Eilberto. Durante o Renacemento italiano destacou a obra de Benvenuto Cellini. En Occitania familias enteiras trasladáronse a Limoges onde existían importantes obradoiros de esmaltadores. Entre eles destacou Nardon Penicadud (s XVI), que revolucionou a técnica e creou obras de tipo pictórico nas que, sobre fondos translúcidos, resaltaban as figuras en branco que producían efectos de claroscuro. Outros esmaltadores salientables foron P. Raimond e L. Limosin. A factoría de Battersea, fundada por Jansen en 1750, foi a máis importante de Inglaterra. Rusia desenvolveu a técnica plique à jour, que consiste en formar alvéolos translúcidos, sen metal por detrás, que producen o mesmo efecto ca as vidreiras. A técnica do esmalte estendeuse no s XIII ata China, onde se empregou o cloisonné para decorar xerras, pratos e urnas, e a partir de 1500 foi adoptada polos xaponeses. Na Península Ibérica destacan, entre outros, os frontais románicos de Burgos, Ourense e Silos, do s XII.

    4. [HERÁLD]

      Metal e cor, e tamén forro ou pel, que se emprega para pintar ou representar graficamente a coloración dos escudos. Cando o fondo do escudo ten cor uniforme chámase simple e cando está dividido en particións de cores distintas, composto. Para evitar o problema de lectura dos esmaltes nos brasóns representados tipograficamente, en gravados ou libros, documentos, en pedra ou sobre calquera superficie que non os admita, codificouse un sistema convencional de representación dos diversos esmaltes a través de pequenos puntos e liñas (en diferentes posicións), creado polo xesuíta italiano Silvestre Petra Sancta na obra Tesserae Gentilitiae (1638); este sistema de representación gráfica foise estendendo, sobre todo desde finais do s XVII, e emprégase na heráldica europea. Os metais son o ouro ou topacio (cor dourada ou amarela nas armerías; representado por puntos negros) e a prata ou arxenta (cor prateada ou branca; representado por unha superficie en branco). As cores adoitan recibir denominacións tiradas da primitiva heráldica francesa que se xeneralizou polos restantes países: goles (vermello, sangue ou rubí; representado por trazos verticais), azur (azul ou zafiro; representado por trazos horizontais), sinople (verde ou esmeralda; representado por liñas diagonais que descenden en sentido esquerda-dereita do observador), sable (negro; representado por liñas verticais e horizontais cruzadas), púrpura (violeta, morado ou amatista; representado con liñas en dirección oposta á de sinople). As peles ou forros son as combinacións de dous esmaltes asociados de xeito convencional simulando as peles usadas para revestir os escudos de guerra na representación das liñaxes e dos guerreiros que os portaban; son as peles de animais nobres, como os armiños, e os veiros (coas súas variantes). Os armiños, primeira das peles heráldicas, simbolizan as capas feitas con estes animais de pelaxe branca cunha mancha negra na punta da cola. Represéntanse por un campo de prata semeado de mosquetas (pequenas motas que constan dunha cabeza, formada por tres puntos colocados en triángulo e unha cola alongada cara a baixo, rematada en tres puntas, de sable), moi empregado na confección dos mantos reais. Cando se inverten os esmaltes dos armiños, é dicir, cando o campo é de sable semeado de mosquetas de prata denomínase contraarmiños. Cando os puntos son doutros esmaltes, diferentes da prata ou sable, o campo chámase armiñado e cómpre detallar os seus esmaltes (

      Ex: de goles armiñando de ouro). Os veiros, a segunda das peles heráldicas, son unha representación aínda máis estilizada de mantos de pel, particularmente dos esquíos da Siberia ou das martas cibelinas, de pelaxe azulada nas costas e branca no ventre; represéntanse combinando, de forma alterna e en fileiras horizontais, pequenos puntos ou pezas de azul, cunha forma semellante a unha campánula, con puntos idénticos, pero de prata e invertidos; os puntos de cor teñen a base para a baixo, mentres que os puntos de metal teñen a base para a riba. O campo de veiros pleno está normalmente formado por cinco tiras horizontais, das que a primeira, a terceira e a quinta teñen cinco puntos de azul, e a segunda e a cuarta catro puntos de azul e dous medios puntos nas extremidades. En canto ás súas variantes, pode haber veiros en punta (as puntas dunhas pezas colócanse opostas ás bases das outras); contraveiros (as pezas están colocadas de costas, de xeito que as bases das figuras de metal fican afrontadas coas de metal e as de cor coas de cor); veirados (os veiros son de ouro e doutra cor); veriados en punta e contraveirados (colócanse na mesma situación ca os veiros); veiros ondados ou en ondas (veiros con formas redondeadas), etc. Considérase esmalte neutro, isto é, que tanto pode ir cun metal ou cunha cor, a carnación (cor que se emprega para representar o corpo humano). As figuras do mundo natural, como as cores propias de animais, plantas, froitas, etc, cando non sexan pezas propiamente heráldicas cun só esmalte, represéntanse coas súas cores naturais e chámanse da súa cor ou da cor natural, e poden sobreporse a metais, cores ou peles (Ex: campo de ouro, cun león rampante da súa cor). Nas armerías ibéricas non existen, por exemplo, cores esmaltes como o ferro, o aceiro, sanguíneo, a aurora ou celeste, a agua, a terra, o gris, o bronce, o marrón, o pardo (heráldica inglesa), o cinsento (heráldica alemana) e o alaranxado ou canelado (representado graficamente por un raiado de liñas horizontais e diagonais, da sinistra da cabeza á destra da punta). Como norma xeral, non se deben sobrepor metais a metais nin cores a cores, mentres que as peles poden ir sobrepostas tanto a metais como a cores; nestes casos, debe brasonarse referindo que tales esmaltes están cosidos (Ex: de vermello, cunha cruz cosida de azul).

  2. s m [ANAT]

    Substancia branca, dura e compacta, que cobre a dentina na coroa dos dentes. A súa cor depende moito da da dentina. É de estrutura prismática, formada por substancias inorgánicas no 96%, fundamentalmente cristais de hidroxiapatito.