Esmirna

Esmirna
Nome científico: [turco: Izmir]

Capital do il homónimo de Turquía, situada na costa do Mar Exeo, no golfo de Esmirna (2.081.556 h [1997]). É o segundo porto comercial do país, despois de Istambul. A refinería de petróleo e o sector téxtil son as súas principais industrias. As escavacións arqueolóxicas permiten datar os primeiros habitantes no III milenio a C, aínda que foi no 1500 a C cando a cidade recibiu unha forte influencia hitita. Habitada desde o s XI a C por gregos eolios, foi destruída no s VII polo rei lidio Aliates. Despois da conquista de Alexandre o Grande, foi reconstruída e converteuse nunha das cidades gregas máis importantes de Anatolia. Durante a época romana constituíuse nun dos centros de difusión do cristianismo. En época bizantina foi conquistada polos turcos e posteriormente polos hospitalarios, os chipriotas e os soldados papais. En 1922 ocupárona as tropas gregas e abandonárona tralo Tratado de Lausanne (1923). Do seu patrimonio cultural destacan os xacementos arqueóloxicos de Bayrakli, de época arcaica, o castelo de Kadifekali, de época helenística, a ágora, os acuedutos de Sirinyer e Yesildere, a igrexa de San Policarpo, reconstruída no s XVII, a pousada Kiziagarasi Han (s XVIII) e a torre do reloxo, Havra Sokak, construída en 1901.