espectroscopia
(
Rama da química física que ten por obxecto a análise das propiedades físicas e químicas da materia mediante o espectro das radiacións. A espectroscopia contribuíu de forma esencial ao coñecemento da natureza da luz e proporciona información sobre a estrutura dos átomos e dos seus núcleos. As súas principais aplicacións son na astrofísica e na química. O primeiro paso conseguiuno Newton en 1666 cando descubriu a dispersión da luz solar mediante un prisma. En 1859 Kirchhoff e Bunsen descubriron que en estado de luminescencia cada substancia química emite un espectro característico. A radiación infravermella foi descuberta por Herschel en 1800, a partir do seu efecto térmico. En 1801 Ritter descubriu a radiación ultravioleta. A aplicación da espectroscopia de emisión á análise química baséase na identificación dalgunhas raias características de cada elemento. A espectroscopia de resonancia magnética nuclear (NMR) é un tipo de espectroscopia en que, como resultado das propiedades magnéticas do núcleo que derivan do seu spin axial, a radiación de radiofrecuencia absórbese nun campo magnético. Para un núcleo particular o espectro de absorción de NMR consiste normalmente nun grupo, ou máis dun, de liñas na zona de radiofrecuencia do espectro electromagnético. A espectroscopia Raman fundaméntase no efecto Raman. O espectro Raman consiste nun grupo de liñas débiles desprazadas respecto á liña correspondente á radiación excitante, que é moi brillante. A espectroscopia de masa consiste en separar os diferentes isótopos dun elemento, e a espectroscopia de microondas, desenvolvida desde 1934, estudia as estruturas moleculares mediante o espectro de absorción que estas moléculas producen nas microondas.