Espira

Espira

Cidade do land de Renania-Palatinado, Alemaña, situada na marxe dereita do Rin (46.000 h [1990]). É unha cidade principalmente administrativa e turística. Capital do pobo dos nemetes, foi campamento romano co nome de Augusta Nemetum. Destruída polos hunos a mediados do s V, converteuse en sé episcopal no s VII. Cidade libre desde 1294, foi sede da cámara imperial (1526-1689). Durante a reforma protestante celebráronse nela numerosas dietas. En 1689 foi destruída polos exércitos franceses e a cámara imperial trasladada. Entre 1798 e 1814 foi capital do distrito francés de Mont Tonnerre. Desde o Congreso de Viena pertence a Alemaña. Do seu patrimonio cultural destacan os restos prerromanos e romanos do Museo Histórico do Palatinado, a muralla medieval e a catedral románica (ss XI-XII).