Esporiz, San Miguel de
Igrexa parroquial situada en Monterroso. Da primitiva construción románica do s XII só conserva o arco triunfal e o corpo da nave. No s XVI engadiuse no muro norte unha capela dedicada á Inmaculada Concepción da que só se conserva o arco que comunicaba coa igrexa. O presbiterio, construído no s XIX, é cadrado e ten cuberta de madeira a catro augas. No arco triunfal destaca un escudo oval con dous castelos. O retablo maior é neoclásico (s XIX), con tres fornelas no piso principal e no remate; o retablo dereito (s XVIII), ten unha fornela no corpo principal e outra no remate; e o da esquerda conserva unha imaxe de Santiago Peregrino. A portada principal é de arco de medio punto con dúas arquivoltas, a exterior con decoración vexetal, sostidas por catro columnas con capiteis con arquiños e aves. O tímpano presenta unha cruz grega e dúas machetas de animais. A espadana é de dous vans e está decorada con pináculos. Na porta sur consérvase un arco de medio punto pechado ao exterior por un tímpano arquitrabado. Os beirís presentan unha colección de canzorros.