esquimó-aleutiano
(
Phylum lingüístico integrado polas familias esquimó (co inuit, a máis falada, e o iupik) e aleutiana (co aleutiano), emparentadas entre elas. As linguas esquimó-aleutianas estendéronse pola costa S de Groenlandia, as rexións árticas de Canadá, as rexións do N de Alasca, as illas Aleutianas e ata hai unhas décadas por Siberia, atravesado xa o estreito de Bering. O inuit fálase en Groenlandia, Canadá e EE UU (N de Alasca); o iupik, en EE UU (Alasca e illa de San Lourenzo), e o aleuta en EE UU e illas Aleutianas. Entre os trazos lingüísticos cómpre destacar os seguintes: son linguas aglutinantes que poden engadirlle á raíz unha gran cantidade de sufixos, das que resultan palabras tan longas que mesmo equivalen a frases ou oracións noutras linguas; non distingue os xéneros, ou polo menos non desempeñan un papel importante na gramática; distinguen o singular, plural e dual en substantivos e verbos; distinguen seis casos na declinación; realmente non existen os verbos xa que estes son substantivos que significan acción marcados mediante a adición de sufixos; usan o caso ergativo; na posesión marcan tanto o número como a persoa e o número de posuidores; posúen un complexo e elaborado sistema deíctico; e o sistema de numeración limítase practicamente a vinte (o resto complétase con préstamos) e van pospostos ao substantivo ao que se refiren. A tradución escrita é moi recente e nela predomina o uso do alfabeto latino.