Estados Confederados de América

Estados Confederados de América

República independente formada polos once estados do S que se afastaron da Unión, a raíz da elección en 1860 de Abrahan Lincoln como presidente dos EE UU. O primeiro estado en proclamar a secesión foi Carolina do Sur (1860); a este uníronse en 1861 Mississippi, Florida, Alabama, Georgia, Louisiana e Texas. Os seus representantes, reunidos en Montgomery (Alabama), capital provisional, constituíron a Confederación (4.2.1861), elixiron presidente a Jefferson Davis e redactaron unha constitución provisional. Cando comezou a Guerra de Secesión, en abril de 1861 adheríronse á Confederación os estados de Carolina do Norte, Arkansas, Tennessee e Virginia (agás un sector occidental, que se separou e formou o novo estado de West Virginia, fiel á Unión). A capital trasladouse a Richmond (Virginia). No eido institucional caracterizouse por un ríxido federalismo que defendía a autonomía e a soberanía dos estados individuais, pero debilitaba a capacidade de cohesión política. O seu illamento internacional obrigounos a emprender unha centralización e estatalización do aparato produtivo para facer fronte ao esforzo bélico, ao tempo que emprendeu unha industrialización forzada, pero a elevada inflación afundiu a economía e favoreceu a derrota militar. Foi suprimida despois da derrota final das súas forzas (1865) e os seus estados foron reincorporados á Unión.