estadounidense
(< topónimo Estados Unidos)
-
adx
Relativo ou pertencente aos Estados Unidos.
-
s
Natural ou habitante dos Estados Unidos.
-
arte estadounidense
[ARTE]
Arte desenvolvida nos EE UU. Os pobos indíxenas desenvolveron unha arquitectura adaptada ás condicións xeográficas das rexións nas que estaban asentados, así como ás súas características culturais. No NL, as vivendas eran de madeira con cubertas de lousas de cortiza ou peles que podían retirarse nos meses máis calorosos. Nas chairas construíronse os tipis, vivendas de forma cónica que se podían transportar e que se cubrían con peles de búfalo curtidas. No NO, as comunidades de pescadores erixiron casas comunais mentres que no SO se empregou a pedra como material de construción. As construcións arquitectónicas coloniais desenvolveron os estilos das metrópoles, no N os estilos anglosaxóns, mentres que no S, en California, México e Texas, asumíronse os estilos españois. Entre as construcións realizadas por colonos españois cómpre destacar a igrexa de San Xavier del Bac (1783-1797) e a misión de Santa Bárbara (1815-1820). Os colonos ingleses adoptaron o clasicismo, o denominado georgian style, na construción de edificios públicos e privados. Trala época colonial impúxose o clasicismo de R. Adam, que se converteu no estilo oficial da nova nación. As primeiras manifestacións dunha arquitectura nacional foron as obras de Charles Bulfinch (1763-1844), autor, entre outros, dos capitolios de Boston e Augusta. O clasicismo palladiano introduciuse da man do presidente Thomas Jefferson (1743-1826) que promoveu a construción, entre outras obras, do capitolio de Virginia (1785-1788). Cara a 1818 introduciuse o neogrego, entre outras, nas vivendas das plantacións dos estados sudistas con escalinata ou podio con columnas. Entre outros arquitectos destacou Benjamin Latrobe (1764-1820), autor do Banco de Pennsylvania (1798) e da antiga catedral de Baltimore (1916-1820), e que traballou no capitolio de Washington. No eido da pintura, o contacto coa metrópole permitiu que un gran número de artistas se trasladasen a Londres a perfeccionar a súa arte e que introducisen no país as novas tendencias. As primeiras obras da época colonial foron retratos realizados por pintores ingleses que percorrían o territorio e, trala independencia, ademais do retrato, cultiváronse, entre outros xéneros, a pintura de historia, a paisaxe e a pintura de xénero. Destacan, entre outros, Benjamin West (1738-1820) formado en Inglaterra e pintor oficial do Rei Xurxo III; John Singleton Copley (1738-1815), autor de retratos e pinturas históricas que se trasladou a Londres en 1775; Charles Willson Peale (1741-1827), un dos fundadores da Pennsylvania Academy of Fine Arts; John Trumbull (1756-1843), pintor que reflectiu os momentos máis relevantes da historia estadounidense, entre outros, Declaration of independence (A declaración de independencia, 1786-1797); Gilbert Stuart (1755-1828), autor de numerosos retratos de G. Washington entre os que sobresae Athenaeum (1796); George C. Bingham (1811-1879), autor de escenas de xénero; e os retratistas románticos Thomas Sully (1783-1872) e Samuel F. B. Morse (1791-1872). Cara a 1825 xurdiu a Hudson River School formada por paisaxistas que reflectiron nos seus lenzos a natureza do seu país. Destacaron, entre outros, Thomas Cole (1801-1848), Thomas Doughty (1793-1836) e Asher B. Durand (1796-1886), e unha segunda xeración encabezada por Frederick E. Church (1826-1900). George Catlin (1796-1872) cultivou unha pintura de interese etnolóxico que reflitiu a vida dos indios estadounidenses. No eido da escultura, mantívose o clasicismo herdado de Europa. Considérase a Horatio Greenough (1805-1852), autor da monumental escultura de mármore de George Washington (1832-1840) encargada para o capitolio de Washington, como o primeiro escultor estadounidense profesional. Cómpre salientar tamén a William Rush (1756-1833) e Hiram Powers (1805-1873). A mediados do s XIX o desenvolvemento industrial provocou a creación de novas estruturas arquitectónicas ligadas aos avances tecnolóxicos do ferro e da madeira e á produción en serie. Non obstante , durante as décadas seguintes á Guerra de Secesión (1861-1865) desenvolvéronse os estilos segundo imperio e vitoriano. O denominado shingle style supuxo o renacemento da arquitectura popular entre 1870 e 1880 e reflectiuse na construción de vivendas caracterizadas polos amplos espacios interiores. Henri H. Richardson (1838-1886) introduciu a planta libre e asimétrica e comezou a planificar edificios que ata daquela realizaban os enxeñeiros, como as estacións. Foi o punto de partida para a denominada escola de Chicago, cidade que tralo incendio de 1871 viu nacer da man de James Bogardus (1800-1874) e William Le Baron Jenney (1832-1907) as estruturas metálicas que abriron o camiño ao rañaceos, forma arquitectónica xenuinamente americana. O primeiro rañaceos en construírse foi o Home Insurance Building (1833); ademais cómpre destacar tamén o Auditorium (1886-1889), obra de Louis H. Sullivan (1856-1924) e o Reliance Building (1890) de Daniel H. Burnham (1846-1912). No eido da pintura cómpre salientar a Albert Bierstadt (1844-1916), formado en Alemaña; ao paisaxista Georges Inness (1825-1894), e ao realista John S. Sargent (1856-1925). Os pintores máis salientables de finais do s XIX foron Winslow Homer (1836-1910), con obras de temática rural, e Thomas Eakins (1844-1916), autor dunha obra realista e naturalista. Fóra do país desenvolveron a súa traxectoria, entre outros, James A. M. Whistler (1834-1903) e Mary Cassatt (1845-1926). A comezos do s XX xurdiu en Nova York a Ash Can School, un movemento pictórico que buscaba os elementos de inspiración nos ambientes populares. Formárona os realistas William J. Glackens (1870-1938), Robert Henri (1865-1929), Ernest Lawson (1873-1939), George Lucks (1867-1933), Everett Shinn (1876-1953) e John Sloan (1871-1951), e os expresionistas Arthur B. Davis (1862-1928) e Maurice Prendergast (1859-1924), que organizaron en 1908 a exposición The Eight que lles deu nome. No eido da escultura cómpre destacar a construción da estatua da Liberdade de Nova York, obra de Frédéric A. Bartholdi (1834-1904) e Gustave A. Eiffel (1832-1923). Destacaron, entre outros escultores, Augustus Saint-Gaudens (1848-1907) e Daniel Chester French (1850-1931). Na arquitectura dos anos posteriores á Primeira Guerra Mundial desenvolveuse o historicismo, que se aplicou a edificios institucionais, entre os que destaca a sede da Corte Suprema realizada por Cass Gilbert en Washington (1933-1935). Nestes anos tamén se construíron algúns dos rañaceos máis altos dos EE UU: o Chrysler Building e o Empire State Building. Nos anos previos á Segunda Guerra Mundial establecéronse nos EE UU arquitectos alemáns e austríacos que fuxían do réxime nazi, contrario ás vangardas artísticas. Walter Gropius (1833-1969), Ludwig Mies van der Rohe (1886-1969), Richard Neutra (1892-1970) e Marcel Breuer (1902-1981), entre outros, contribuíron ao desenvolvemento da arquitectura racionalista que culminou co estilo internacional. Nesta corrente destacou a construción do edificio Seagram de Nova York, obra de M. van der Rohe e de Philip Johnson (1906). Xunto a eles destacou Fank LLoyd Wright (1867-1959), discípulo de Sullivan, que integrou arquitectura e natureza. Nas súas primeiras obras empregou a planta libre na construción de vivendas rurais e, posteriormente, as estruturas de formigón con formas xeométricas. Entre as súas obras destacan a casa Kaufmann (1936) e o Guggenheim Museum de Nova York (1956-1959). Na década de 1950 desenvolveuse o expresionismo na obra, entre outros, de Eero Saarinen (1910-1961) e Paul Marvin Rudolph (1918-1997). Nos anos setenta houbo unha revisión do estilo internacional aplicado aos grandes rañaceos, entre outros, o John Hancock Center de Chicago (1965-1970) e o World Trade Center de Nova York (1966-1973), que se converteu no edificio máis alto da cidade ata a súa destrución no ano 2001. A arquitectura posmoderna posterior aos anos setenta caracterizouse polo eclecticismo e a individualidade. Entre outros, cómpre destacar a Richard Meier (1934), Robert C. Venturi (1925) e Robert A. M. Stern (1939). Arquitectos como Frank Gehry (1929) introduciron na arquitectura os postulados da deconstrución literaria e filosófica. A súa obra partiu dos postulados modernistas para acabar realizando composicións irregulares nas que introduciu a curva. Na pintura, as vangardas europeas introducíronse na Armory Show, mostra celebrada en 1913 en Nova York que levou ata os EE UU as obras dos artistas europeos máis relevantes e na que expuxeron tamén artistas norteamericanos. Entre os artistas posteriores á Primeira Guerra Mundial cómpre destacar a Edward Hooper (1882-1967) e Reginald Marsh (1898-1954), que reflectiron aínda que de xeito diferente a sociedade e a vida urbanas; Arthur G. Dove (1880-1946), que realizou obras abstractas e xeométricas; os preciosistas Charles Demuth (1882-1935) e Charles Sheeler (1883-1965); e o realista Grant Wood (1892-1942), autor dunha pintura rexionalista. No eido da escultura cómpre destacar o francés Gaston Lachaise (1882-1935) e a Paul Manship (1885-1966). A mediados de século, os EE UU convertéronse no centro das novas creacións artísticas ao trasladarse artistas europeos, que fuxían da Segunda Guerra Mundial e das súas consecuencias, a Nova York, que substituíu a París como capital das vangardas. Entre outros artistas chegaron Mark Rothko (1903-1970), Willem de Kooning (1904-1997) e Marc Chagall (1887-1985). O primeiro movemento vangardista orixinado nos EE UU foi o expresionismo abstracto xurdido en Nova York e que abrangueu diversas modalidades, entre as que sobresaíu o Action Painting de Jackson Pollock (1912-1956) e a pintura de planos cromáticos de, entre outros, Mark Rothko. Xunto a eles cómpre destacar a Franz Kline (1910-1962) e Robert Motherwell (1915-1991). A mediados dos anos cincuenta unha serie de artistas, entre os que destacaron Jasper Johns (1930) e Robert Rauchenberg (1925), derivaron do expresionismo abstracto cara á arte pop, con Andy Warhol (1928?-1987), Roy Lichtenstein (1923) e Claes Oldenburg (1920), e a arte mínima, na que destacaron, entre outros, Sol Lewitt (1928), Carl Andre (1935), Donald Judd (1928) e Robert Morris (1931). As manifestacións artísticas dos últimos anos do s XX e dos primeiros do s XXI abranguen, ademais dos métodos tradicionais, os medios nacidos da revolución científica e tecnolóxica, como a fotografía, o vídeo e demais medios eléctricos, a fusión de diversas artes e a participación do espectador das obras, que deu lugar, entre outras manifestacións, aos happenings, ós performances e ás instalacións. No eido da escultura cómpre destacar a Christo (1935), búlgaro de nacemento pero instalado nos EE UU, Duane Hanson (1925), Judy Chicago (1939) e Judy Pfaff (1946); e no da pintura a Audrey Flack (1931), Chuck Close (1940), Julian Schnabel (1951) e Keith Haring (1958-1990). En xeral, a arte do novo século caracterízase pola súa diversidade, pluralidade e internacionalización.
-
cine estadounidense
[IMAX]
Arte cinematográfica desenvolvida nos EE UU. Comezou coas experiencias de T. A. Edison co seu cinetoscopio (1891). En 1903 rodouse unha película completa, The Great Traing Robbery, de Edwin S. Porter. Para anular a competencia importaron algúns talentos europeos, como Maurice Stiller, Greta Garbo, Eric von Stroheim, F. W. Murnau, Josef von Sternberg, Ernst Lubitsch e desenvolveron uns xéneros determinados, como a comedia burlesca, o melodrama, as películas de gángsters, de aventura e, sobre todo, westerns. Á táctica comercial uníuselle a explotación calculada do star system. Así, á parte dos nomes mencionados, contribuíron a engrandecelo actores e directores como David W. Griffith, con The Birth of a Nation (O nacemento dunha nación, 1915), Intolerance (Intolerancia, 1916) e Broken Bloosoms (A culpa allea, 1919); Cecil B. de Mille; Charles S. Chaplin, con The Golden Rush (A quimeira do ouro, 1925); King Vidor, con The Crowd (...E o mundo marcha, 1928); Frank Borzage ou Robert Flaherty, creador do documental. A incorporación á cinta do son sincrónico con The Jazz Singer (O cantante de jazz, 1927) e a aparición da cor con películas como Gone With the Wind (Foise co vento, 1939) revolucionaron a filmografía estadounidense. Despois dun período intermedio chegou outra época dourada durante a década dos trinta e parte da dos corenta, propiciada en parte pola política do New Deal de Roosevelt. Destacan títulos como Hallelujah (Aleluia, 1929), de K. Vidor; All Quiet on the Western Front (Sen novidade na fronte, 1930), de L. Milestone; I am a Fugitive (Son un fuxitivo, 1932), de M. Leroy; Scarface (1932), de H. Hawks, e Modern Times (Tempos modernos, 1936), de Charles Chaplin. Fritz Lang, John Ford, Walt Disney, Orson Welles, Alfred Hitchcock, Dorothy Arzner, Frank Borzage e George Cukor son outras figuras importantes. O negocio, moi rendible, sufriu un serio deterioro na posguerra, a causa da competencia da televisión, a lei antimonopolios de Truman e a “caza de bruxas” de McCarthy, que privou a Hollywood dos mellores directores. A solución á crise veu da venda ás cadeas de televisión das películas anteriores a 1948. Despois, os estudios comezaron a producir teleseries para televisión, co que ampliaban o seu mercado. Ao mesmo tempo, a televisión serviu de inicio para moitos realizadores que a mediados da década dos cincuenta comezaron a dirixir películas (John Frankenheimer, Sidney Lumet, Delbert Mann, Robert Mulligan, Arthur Penn ou Martin Ritt). Tamén algúns dos grandes mestres do cine clásico estadounidense contribuíron de forma activa ao cine deses anos, como Robert Aldrich, Richard Brooks, Stanley Donen, Blake Edwards, Sam Fuller, Howard Hawks, Alfred Hitchcock, John Huston, Elia Kazan, Joseph L. Manckiewicz, Vincent Minelli, George Cukor, Otto Preminger, Billy Wilder, William Wyler ou Fred Zinnemann. A crise era evidente e Hollywood tivo que reformar as súas estruturas. A industria estadounidense acadou a súa máxima expresión coa chamada “escola de Nova York”, que integraban inicialmente nomes como os de John Cassavettes, Shirley Clarke, Larry Peerce e Frank Perry, os documentalistas Maysler, Pennebaker e Rogosin, e os iniciadores do underground Kenneth Anger, Stan Brackage, James Broughton, os irmáns Mekas e Andy Warhol. Durante os anos sesenta o grande imperio cinematográfico iniciou unha nova depresión. A causa da influencia do cine europeo, os diferentes xéneros cinematográficos víronse damnificados no seu tratamento pola nova fornada de realizadores aparecidos durante esta década, como Woody Allen, Robert Altman, Emile de Antonio, John Avildsen, Peter Bogdanovich, Mel Brooks, Francis F. Coppola, Roger Corman, Brian de Palma, Bob Fosse, George Roy Hill, Dennis Hooper, Robert Kramer, Stanley Kubrick, Jerry Lewis, Paul Newman, Alan Pakula, Sam Peckimpah, Sidney Pollack, Bob Rafelson, Stuart Rosemberg, Herbert Ross, Richard Sarafian e Franklin J. Schaffner. Ao final da década dos setenta xurdiu un novo grupo xeracional que encheu os cines de todo o mundo. Estaba composto, entre outros, por Hal Ashby, Michael Cimino, Walter Hill, George Lucas, Terence Malick, Paul Mazursky, Jerry Schatzberg, Paul Schrader, Martin Scorsese ou Steven Spielberg. Gracias a eles, a industria cinematográfica estadounidense reviviu económica e artisticamente, malia a expansión do vídeo. Este proceso afectou ao carácter das novas producións, que adquiriron un dominio propio dos recursos da escenografía espectacular e os efectos especiais. Un fenómeno importante no cine estadounidense dos anos oitenta foi a proliferación de películas inspiradas na Guerra de Vietnam, como Rambo (1985) ou Platoon (1986), entre outros. Na década dos noventa e os primeiros anos do s XXI, os realizadores apostaron pola animación por ordenador dentro das súas películas. Destacan títulos como Jurassic Park (Parque Xurásico, 1994), Toy Story (1995), AntZ (1998), The Matrix (1999), Star Wars. Episode I (A ameaza fantasma, 2000) ou Star Wars. Episode II (O ataque dos clons, 2002).
-
literatura estadounidense
[LIT]
Durante un século e medio foi unha literatura colonial, escrita por ingleses, do mesmo xeito que o país era un conxunto de colonias. No s XVII os temas literarios son basicamente descritivos, de temas económicos e de polémica relixiosa e, aínda que se adoptaron formas poéticas, a temática non se afastou das discusións entre puritanos, anabaptistas e calvinistas. O único poeta lírico foi Edward Taylor (1644?-1729). O s XVIII, malia apareceren libros de erudición e filosofía, está dominado pola política, dentro da que ten un papel relevante Benjamin Franklin (1706-1790) e o inglés Thomas Paine (1737-1809). Neste século de revolución americana, a poesía foi unha arma de revolta e, moitas veces, utilizouse en cancións con música que proviña de Inglaterra. Tamén apareceu o teatro, moi rudimentario, e a novela The Power of Sympathy (O poder da compaixón, 1789), de William Hill Brown, a primeira novela propiamente estadounidense dentro da liña sentimental creada en Inglaterra por Samuel Richardson. A comezos do s XIX xurdiron escritores que, por vez primeira, conseguiron o recoñecemento e aceptación da crítica e do público inglés. Así, destaca o poeta William Cullen Bryant (1794-1878) e os narradores Washington Irving (1783-1859), James Fenimore Cooper (1789-1851) e Edgar Allan Poe (1809-1849). Na segunda metade apareceu en Harvard un grupo de poetas entre os que destacaron Henry Wardsworth Longfellow (1807-1882), Oliver Wendell Holmes (1809-1894) e James Russell Lowell (1819-1891), que recolleron toda unha tradición popular autóctona. Por outra banda, os chamados transcendentalistas, baseándose nas ideas de Platón, influíron na poesía e na filosofía, como foi o caso de Ralph Waldo Emerson (1803-1882), e tamén na formación do pensamento xenuinamente estadounidense, como foi o caso de Henry David Thoreau (1817-1862), feito que desembocou na aparición de figuras literarias como Nathaniel Hawthorne (1804-1864), Herman Melville (1819-1891) e Walt Whitman (1809-1865). A Guerra de Secesión consolidou a literatura considerada máis xenuína que, nalgún caso, como acontece con Mark Twain (1835-1910), recolleu o pasado norteamericano e creou unha epopea nacional. Practicamente, todos os compoñentes da xeración dos anos vinte exiliáronse a Europa, como aconteceu con Ernest Hemingway (1898-1961) e F. Scott Fitzgerald (1896-1940). Outros novelistas adoptaron unha americanidade vital e literaria, como John Steinbeck (1902-1969) ou William Faulkner (1897-1962), expoñente práctico do stream of consiousness, teoría ensaiada en Harvard polo psicólogo William James (1842-1910), que intuitivamente puxo en práctica a novelista inglesa Dorothy Richardson e que seguiron e reforzaron James Joyce e Virginia Woolf en Inglaterra. En poesía, na primeira metade do s XX destacaron T. S. Eliot (1888-1965), Ezra Pound (1885-1972) e Robert Frost (1873-1963). No que respecta ao teatro, Eugene O’Neill (1888-1953) significou a consolidación do xénero e en parte a creación dun teatro estadounidense na segunda metade do s XX. Na crítica literaria, á parte de novelistas e poetas, cómpre citar os críticos agrupados ao redor da escola do New Criticism xurdida nos anos vinte, e o marxista Granville Hicks. Nos anos trinta destacou a aparición da novela negra, variante estadounidense da novela policial. Despois da Segunda Guerra Mundial destacou o pesimismo de S. Bellow, J. D. Salinger, Carson McCullers, F. O’Connor e T. Capote. A Guerra Fría e o maccarthismo silenciaron os autores de esquerdas, como H. Fast, e nos anos cincuenta apareceu un grupo de poetas ao redor da Black Mountain Review, inspirados en William Carlos William. Á marxe deste movemento tamén sobresaíron en poesía R. Lowell e S. Plath. Nos anos sesenta, xurdiron escritores vinculados á cultura underground e a movementos inconformistas como os hippies e os beatniks (A. Ginsberg, L. Ferlinghetti e J. Kerouac), influídos polos filósofos orientais e Henry Miller. Paralelamente cómpre destacar a T. Capote e N. Mailer como cultivadores da novela documental, e o grupo de J. Updike, W. Burroughs, P. Roth e C. Bukowski pola súa visión iconoclasta da sociedade. Tamén sobresae Susan Sontang, como ensaísta; B. Easton Ellis e J. Mc Innerney, no denominado dirty realism; e o novelista Paul Auster. Por outra banda, destacan B. Malamud, J. Baldwin, L. Hughes, I. Baraka e R. Ellison.
-
música estadounidense
[MÚS]
O primeiro período notable corresponde aos anos 1607-1820 e ten como marco Nova Inglaterra, Pennsylvania e California do Sur. En Nova Inglaterra cultiváronse especialmente os himnos e o canto métrico dos salmos. A partir de 1820 destacaron Anton Ph. Heinrich (1781-1861), William Fry (1813-1864) e George F. Bristow (1825-1883), considerados os precursores da música estadounidense autónoma, e especialmente Stephen Forster (1826-1864), autor de cancións. Con John Knowles Paine (1839-1905) e George Whitefield Chadwick (1854-1931) iniciouse unha longa serie de compositores formados en Alemaña. Na segunda metade do s XIX xurdiu a figura de Horatio Parker (1863-1919), autor de obras de grande orixinalidade. Charles Ives (1874-1954) destacou no campo da polirrítmica, da politonalidade e iniciador da liña experimental norteamericana. Paralelamente, xurdiu un grupo de compositores, centrados en Carl Ruggles (1876-1971) e Charles T. Griffes (1884-1920), cunha produción tipicamente norteamericana. Esta tendencia concretouse en George Gershwin (1898-1937) e nunha parte da produción de Virgil Thomson, Henry Cowell e Aaron Copland (1900-1990); por outra banda, hai unha serie de compositores eclécticos como Walter Piston (1894-1976), Samuel Barber (1910-1981) e Leonard Bernstein (1918-1990). A liña experimental iniciada por Ives continuouna Edgar Varèse (1885-1966), Georges Antheilo (1900-1959) e John Cage (1912-1992). Posteriormente, destacaron Lukas Foss, Morton Feldman e Terry Riley (1935). Un xénero tipicamente americano é a comedia musical, iniciada por Vic22tor Herbert (1859-1924) e cultivada por Cole Porter (1892-1964), I. Berlin (1888-1984) e George Gershwin. Así mesmo, son de grande importancia as músicas blues, country, jazz, soul e rock and roll, ademais, a gran difusión do teatro musical e do cine provocou unha grande influencia das músicas, dos ritmos e dos bailes dos EE UU sobre a cultura musical mundial.