estándar
(< ingl standard)
-
adx
Que se axusta a un tipo ou modelo que copia e repite un patrón moi estendido.
-
s
m
-
Tipo, modelo ou patrón que se considera un exemplo claro para ser imitado.
-
[LING]
ariedade dunha lingua que, en sociolingüística, dispón dun status máis elevado dentro dunha comunidade ou nación. Prototipicamente, esa variedade baséase na fala e escrita de falantes nativos con estudios. Ademais, acostuma ser a variedade utilizada polos medios de comunicación e na literatura, a escollida na descrición gramatical e lexicográfica e a que se ensina nas escolas e aos falantes non nativos que a aprenden como segunda lingua. En determinados casos, pode coincidir coa variedade que se fala na capital política ou cultural dun país. Así, por exemplo, o francés estándar coincide en boa medida co falado polas clases medias parisinas. Non obstante , noutros casos o estándar constitúe un rexistro vinculado a determinados usos lingüísticos formais. Esta variedade lingüística adoita promoverse mediante a selección e codificación dunha forma relativamente homoxénea que poida ser utilizada en diferentes ámbitos sociais e cumprir determinadas funcións lingüísticas dentro da comunidade, ademais de servir de elemento unificador entre todos os membros desta. Así mesmo, un estándar pode orixinarse tanto de xeito relativamente espontáneo e individual como ser o resultado de procesos de planificación lingüística deliberada. O estándar da lingua galega non corresponde a ningunha variedade dialectal. Cando se acometeu a fase decisiva da súa elaboración, a comezos da década de 1970, ningunha variedade presentaba o suficiente prestixio e aceptación xeneralizada para servir de referencia ao conxunto dos falantes de galego. Xa que logo, optouse por un estándar resultado dun proceso de selección en que se consideraron diferentes factores, entre eles a suficiente extensión na fala, a adecuación á historia da lingua ou a coherencia dentro do conxunto do sistema lingüístico. Unha variedade estándar pode presentar variacións, sobre todo fonéticas, de acordo coa zona do país de que se trate. Así, mesmo chega a falarse no mundo anglófono do inglés británico estándar de Escocia, de Gales ou do sur de Inglaterra. En principio, un mesmo falante pode dominar e utilizar máis dunha variedade lingüística, incluídos o estándar e algunha(s) fala(s) de carácter dialectal, grupal ou idiolectal. O estándar normalmente diferénciase doutras variedades tanto por particularidades fonéticas coma gramaticais e léxicas. Nun contexto de contacto lingüístico coma o do galego, a función e funcionamento do estándar vense influídos pola presenza do castelán, que condiciona a extensión das súas funcións sociais e, nalgúns casos, tamén as particularidades fonéticas, gramaticais ou léxicas da lingua galega.
-