Estarque Casás, Fernando
Escultor. Coñecido como Fernando Casás. Profesor de escultura na facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Trasladouse coa súa familia a Brasil, onde comezou a pintar en 1964 á tinta e ao oleo, e en 1969 ingresou na Escola Superior de Desenho Industrial de Rio de Janeiro (ESDI/UFRJ). A súa obra representa a tensión entre home e natureza, con preponderancia da ética sobre a estética. Fuxiu do enfoque racionalista industrial e na busca de materia prima para os seus traballos percorreu as praias de Brasil. Realizou os Proxectos Idiotas (1970) con detritos dos ríos, mareas e enterramentos de troncos, e despois traballou con materiais de refugallo, mortos, inutilizables ou reciclados, entre os que destacan Molde de Formigueiro (1968) e Ciclo do Coupin (1971). En 1977 celebrou a súa primeira mostra en Rio de Janeiro e en 1978 presentou a mostra Ciclo, Reciclo, Laberinto en Santiago de Compostela, Vigo e Barcelona. En 1982 a exposición Longa noite de pedra converteuse na síntese das súas raíces galegas coas obras Vôo, Onda, Fogo e Terra. Tentou mostrar nas súas obras unha postura devastadora-destrutora fronte aos valores da sociedade postindustrial e propuxo unha revolta contra o antropocentrismo e a tecnoloxía. O seu interese polo primixenio provocou un achegamento ao que está fóra do día a día urbano, ao tempo que tomou unha postura denunciadora. Formulou as súas obras dende a subxectividade presente tamén no xeito en que se achegou ao material. En 1988 a súa preocupación pola devastación do planeta reflectiuse na mostra Amazonas, Serie negra, pola que recibiu o premio Instituto Brasil-Estados Unidos e coa que participou na Bienal de São Paulo de 1991. Regresou a España en 1989 e instalouse en Gondomar. Intentou rescatar a historia galega coa realización de obras, entre as que sobresae Ocos (1990), nas que o tratamento arqueolóxico e de recolector está presente. En 1990 desenvolveu a serie 1492, na que mostra unha visión crítica do descubrimento de América, e en 1992 participou no Pavillón de Galicia da Expo’92 de Sevilla con Opresión. En 1994 desenvolveu unha investigación cerámica no EKWC/ Europees Keramisch Werkcetrum, s’Hertogenbosch nos Países Baixos, co resultado da obra Manuscripten van de Amazon Rivier. Entre outras series destacan Dimensâo Posivel (1991), Ashé (1992-1993), Niños (1992), Mar Égeo (1993), Canoas (1997) e Naturgeist (1991-1997). Entre outras obras cómpre destacar Dos Piedras, situada na praza Manasche’s Garden de Xerusalén (1987); Raíces, na Seef & Marks Community de Xerusalén (1992); Bosque, na praza do Burgo das Nacións (Santiago de Compostela, 1994); Two Stones II, no Botanic Garden (Xerusalén, 1999); e Lamed VAV/Os 36 xustos (1999), na Illa das Esculturas de Pontevedra e coa que realizou unha crítica aos incendios forestais e ao emprego abusivo das árbores e da natureza. Colaborou en publicacións, como Ars Mediterránea e Dossier Galicia 2000.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Gondomar