Estepa
Estepa
Municipio da provincia de Sevilla, Andalucía, situado na marxe dereita do río Blanco (11.560 h [1996]). A súa economía estivo vinculada tradicionalmente ás actividades artesanais. O principal recurso económico é a agricultura, sobre todo cereais e oliveiras. Na industria predomina o sector alimentario, especialmente a elaboración de doces propios do Nadal (manteigadas e turróns), aceites, embutidos e licores. De orixe púnica, as fontes de época romana denominárona Astapa e Ostippo. Do seu patrimonio cultural destacan a igrexa gótico-mudéxar de Santa María la Mayor e a renacentista de San Sebastián, as murallas medievais e a torre da homenaxe (s XIV).