Ester

Ester
[RELIX]

Heroína xudía, personaxe principal do libro bíblico do mesmo nome. Casada co rei persa Axuero, conseguiu salvar a vida do seus correlixionarios e frustrar, así mesmo, os plans de exterminio do gran visir Haman, e fixo variar a vontade real contra os perseguidores dos xudeus. Estes feitos, de escasa verosimilitude histórica, parecen ser a orixe da festa xudea dos Purim. Na iconografía represéntanse escenas da súa historia: cando se engalana para visitar o seu esposo, o triunfo de Mardoqueo e o castigo de Haman, etc. Aparece representada, así, no baptisterio paleocristián de Dura-Europos (s III). As ilustracións posteriores deste tema, ou ben seguen ciclos narrativos -arquivoltas da portalada norte da catedral de Chartres (s XIII), tapices flamengos (ss XV-XVII) e franceses de Gobelins (ss XVII-XVIII)- ou ben representan escenas illadas: Ester diante de Axuero (Tintoretto), A súplica de Ester a Axuero (Rembrandt). O cristianismo ve en Ester unha prefiguración da Virxe como mediadora entre Deus e os homes. A súa festividade celébrase o 8 de decembro e o 24 de maio.