estereoisómero -ra
(
Aplícase a cada un dos compostos que presentan estereoisomería. Os estereoisómeros que son imaxe especular non susceptible de se superpoñer un ao outro denomínanse enantiómeros. Como as interaccións internas entre átomos e grupos dunha mesma molécula son as mesmas en cada un dos enantiómeros, estes compórtanse unicamente de maneira diferente fronte aos reactivos químicos quirais (asimétricos), cos que reaccionan a diferentes velocidades. Así mesmo, todas as súas propiedades físicas escalares, non disimétricas, son idénticas. En cambio, son diferentes as non escalares, como é o poder rotatorio e a dispersión óptica rotatoria. Os estereoisómeros que non son imaxe especular denomínanse diastereoisómeros. En xeral, teñen propiedades físicas e químicas diferentes, posto que ao contrario dos enantiómeros, as interaccións que teñen lugar entre os átomos ou grupo de átomos de cada un deles non son as mesmas. A diastereoisomería maniféstase nas moléculas con máis dun centro quiral, como tamén nos compostos que presentan isomería cis-trans ou isomería xeométrica. Cando dous ou máis centros quirais dunha molécula son idénticos, existen diastereoisómeros opticamente inactivos que se denominan formas meso. Existe outra forma opticamente inactiva, a modificación racémica (ou racémico), constituída pola mestura dun número igual de moléculas de quiralidade oposta, e que está desprovista de poder rotatorio por un proceso de compensación.