Estevan Coelho
Trobador portugués activo no reinado de don Denís, pertencente á escola lírica galego-portuguesa. Dos dous personaxes homónimos que figuran nos libros de liñaxes con este nome (Estevan Perez Coelho e o seu fillo Estevan Esteves Coelho), o trobador debe identificarse co primeiro por razóns cronolóxicas. Estevan Perez Coelho (identificado no Livro de Linhagens do Conde D. Pedro como Estevan Coelho de Riba de Homem) debeu nacer no inicio do último terzo do s XIII, aínda que a súa primeira referencia documental data de 1308. Coma seu pai, Pero Anes Coelho (vasalo do infante don Denís desde 1278), e o seu avó (o tamén trobador Johan Soarez Coelho), debeu ocupar cargos de relevancia na corte real. En 1336 aínda estaba casado con Maria Mendes (fundadora en 1345 do Convento do Corpus Christi en Vila Nova da Gaia). Relacionado cos mosteiros de Grijó, Mancelos e Canedo, debeu morrer pouco antes de 1339. Da súa actividade poética (primeiro cuarto do s XIV), os apógrafos italianos (B e V) só conservan dúas cantigas de amigo, que, organizadas rimaticamente en cobras singulares, entroncan coa corrente poética popularizante: trátase de composicións estruturadas en dísticos monorrimos e un refrán dun verso (co esquema rimático aaB), caracterizadas polo paralelismo literal. En “Se oj’o meu amigo” (B 721, V 322) a namorada lamenta a ausencia do amigo e a imposibilidade de compartir o baño no río. A cantiga de tear “Sedia la fremosa seu sirgo torcendo” (B 720, V 321) constitúe o único exemplo da tradición lírica galego-portuguesa vinculado á modalidade da canción de muller coñecida como chanson de toile (ou chanson d’histoire) da lírica provenzal: o trobador presenta unha moza que, ao tempo que cose, canta tristes cantigas de amigo derivadas da coita amorosa que sofre.