Estévez García, Perfecto Antonio
Deseñador gráfico, pintor e gravador. Foi xefe de estudo gráfico da axencia de publicidade AHA (1983-1986), debuxante de GRAFORSA (1987-1991), director de arte do Grupo Córcega Galicia Comunicación (1997-1998) e de Edicións Espiral Maior (1998-2002). Realizou traballos gráficos para a Universidade da Coruña, Xunta de Galicia, concellos da Coruña e Sada, Asociación de Escritores en Lingua Galega, Trofeo Teresa Herrera e diversas empresas coruñesas. Colaborou en Aetinape (1986-1996), La Voz de Galicia (1998-1999) e Obradoiro (1995-2000). No eido da pintura e do gravado, inclinouse pola abstracción aínda que tamén traballou a figuración deformada. As súas composicións caracterizáronse pola cor e o grafismo xestual con trazos fortes e vigorosos. Foi membro fundador dos grupos GALREXO (1974) e Galicia Estudio (1978). Realizou, entre outras, as carpetas de gravados Ortigas da memoria, con poemas de C. Sánchez (1984), Mulleres (1987) e participou na carpeta SALVE URBE MAGNA (1993); realizou tamén, entre outros, o gravado conmemorativo da inauguración da sala Luís Seoane da Coruña (1981) e do I Premio de Poesía Edicións Espiral Maior (1992). Fixo exposicións, entre outras vilas, na Coruña, Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela e participou, entre outras colectivas, na Bienal de Pontevedra (1975, 1979), nas homenaxes a Rafael Alberti (Barcelona, 1976) e Luís Seoane (A Coruña e Ferrol, 1984) e en Estampa’94. Recibiu o Primeiro Premio de Carteis tema Castelao da Rúa (1975).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ourense