Estienne, Henri II
Impresor, libreiro, filólogo e humanista, fillo maior de Robert Estienne. Aprendeu grego, latín, italiano, español, flamengo e moitas linguas orientais. Descubriu un gran número de manuscritos gregos e, en 1554, publicou a primeira edición das Odas, de Anacreonte, coa tradución latina. As súas críticas ao clero católico ocasionáronlle persecucións, polo que tivo que fuxir a Xenebra, onde tamén tivo dificultades co concello e foi encarcerado. En Xenebra estableceu en 1557 unha imprenta independente da do seu pai, coa que se fusionou á morte deste. Aínda que no aspecto tipográfico foi inferior a outros membros da familia, publicou obras importantes, a maioría dedicadas á literatura grega. Moi destacable foi o seu labor como erudito e escritor; entre os seus traballos orixinais, sen contar os comentarios e traducións, cómpre mencionar Ciceronianum Lexikon graecum-latinum (1557), Artis typographicae querimonia (1569), Thesaurus graecae linguae (1572-1573), a súa obra principal, completada na edición de Didot (1831-1865), Francofordiense Emporium (1590) e Principum Monitrix Musa (1590). En francés escribiu Traité de la conformité du langage françois avec le grec (1565), De la précellence du langage françois (1579), obras coas que se sitúa na liña de exaltación dos vulgares característica da época, Deux dialogues du nouveau langage françois italianizé (1578), Les prémices ou le premier livre des proverbes epigrammatizés (1594) e Introdution au traité de la conformité des merveilles anciennes avec les modernes, sátira contra os costumes do clero.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : París -
Deceso
Lugar : Lyon