estómago

estómago

(

  1. s m [ANAT]

    Porción máis dilatada do tubo dixestivo, onde ten lugar a quimificación dos alimentos. Nos vertebrados, o estómago foi primeiramente un órgano para almacenar os alimentos. Despois, coa aparición das glándulas secretoras de enzimas dixestivos e a secreción do ácido clorhídrico, adquiriu unha misión dixestiva, aínda que non está presente en todos os vertebrados (os anfibios, os ciclostomos, os peixes pulmonados e algúns teleósteos non o teñen); naqueles que o presentan, pode ser de morfoloxía externa moi variada, desde unha simple forma de J ou de saco, ata a gran complicación en compartimentos que presentan os ruminantes. Na maioría dos peixes é moi pouco diferente do esófago, reducíndose a unha simple dilatación deste. Nos réptiles adoita ser alongado, seguindo a forma do corpo. Nas aves, pola falta de dentes, está dividido en dúas cavidades: unha glandular e fina, denominada proventrículo, e outra con paredes musculosas moi grosas e cun epitelio interno cornificado denominado moega, que ten unha misión trituradora. Nos mamíferos existe unha gran variedade de formas, desde os que teñen forma de saco curvo ata os dos ruminantes, con catro cavidades, pasando polos roedores, as baleas e os hipopótamos, con dous compartimentos. O estómago humano ten forma de saco curvo, esténdese desde o extremo inferior do esófago ata o intestino delgado e está situado no medio da cavidade abdominal, á esquerda da columna vertebral e debaixo do pulmón esquerdo. A forma e o tamaño varían dependendo do seu estado de repleción e da posición do corpo. O estómago é un órgano muscular distensible, cunha capacidade que oscila entre un litro e un litro e medio, aínda que esta pode verse modificada dependendo de se se atopa cheo ou baleiro. Cando está cheo presenta unha anchura duns 25 cm e cando está baleiro diminúe debido a que se contrae formando dobramentos ou rugosidades. Presenta dúas curvaturas, a curvatura maior ao longo da parte inferior e a curvatura menor ao longo da parte superior; e tamén varias rexións, unha superior, que é unha rexión pequena que normalmente contén aire, unha central denominada corpo, e unha inferior. Os tecidos do estómago presentan tres tipos de fibras musculares, as circulares, as lonxitudinais e as oblicuas, que permiten a elasticidade e ás contraccións que axudan á dixestión. O estómago recóbrese dun duro revestimento de mucosa que contén células produtoras de moco que o protexen da súa propia secreción (ácido clorhídrico) e dos enzimas dixestivos (pepsina, gastrina e lipases) que producen as súas glándulas. Estes zumes gástricos son os que dixiren os hidratos de carbono, proteínas e graxas dos alimentos. Sen esta barreira mucosa, os zumes terminarían por dixerir o propio estómago. Moitas veces existe un desgaste deste revestimento, feito que produce unha irritación que pode dar lugar á aparición de úlceras. No estómago, os alimentos teñen o seu primeiro almacenamento e sofren unha dixestión preliminar. A súa misión é a de recibir os alimentos mastigados e insalivados procedentes da boca, mesturalos cos zumes gástricos que segrega, retelos por un tempo para facilitar a acción destes zumes ata transformalos nunha masa semilíquida denominada quimo, e despois baleiralos no duodeno a través do píloro, onde continuará a súa dixestión e absorción, feito que se consegue grazas á súa función motora ou peristaltismo. A patoloxía do estómago é moi diversa e os seus efectos poden ter repercusións noutros órganos.

  2. s m

    Parte exterior do abdome que se corresponde coa situación do órgano do estómago.

    Ex: Di que ten tanto estómago de beber moita cervexa.

    Confrontacións: barriga, ventre.
  3. s m

    Capacidade para aturar ou soportar cousas desagradables.

    Ex: Hai que ter moito estómago para comer alí. Non teño estómago para ver esa película tan violenta.

Palabras veciñas

estolonífero -ra | estoma | estomacal | estómago | estomat(o)- | estomático -ca | estomatite