estoniano -na
(< topónimo Estonia)
-
-
adx
Relativo ou pertencente a Estonia, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Estonia.
-
adx
-
[ETN/HIST]
-
adx
Relativo ou pertencente ao pobo estoniano.
-
s
Individuo do pobo estoniano.
-
s
m pl
Pobo da familia finougria, vinculado cultural e lingüisticamente cos fineses do N, que se estableceu na rexión oriental do Mar Báltico ao redor do 4000 a C.
-
adx
-
s
m
[LING]
Lingua que pertence á familia lingüística finougria (grupo baltofinés) do phylum urálico, que se fala principalmente en Estonia e en diversas colonias establecidas ao leste do lago Peipus, en Crimea, na rexión de Samara (Rusia), no Cáucaso, Siberia, Letonia e nos EE UU. Tense documentación dispersa desde principios do s XIII, e o primeiro texto escrito totalmente en estoniano, un catecismo bilingüe alemán-estoniano, é do 1535. Os primeiros textos son relixiosos. En 1637 Pastor H. Stahl publicou a primeira gramática do estoniano, escrita en alemán e baseada no dialecto do norte, destinada ao uso relixioso. En 1648, Pater J. Gutslaff publicou a obra Observationes Grammaticae circa Linguam Esthonicam, que inclúe tamén un dicionario alemán-latín-estoniano, baseada no dialecto do sur. En 1739 traduciuse a Biblia. Ten dous dialectos bastante diferenciados: o setentrional e o meridional. O estoniano estándar, que triunfou no primeiro terzo do s XX, baséase na variante norte e emprega o alfabeto latino, aumentado con diacríticos (ü). Entre os trazos lingüísticos, moitos deles compartidos co finlandés, que o caracterizan cómpre mencionar os seguintes: abundancia de vocais /i ü u e ö o ä a/; palatalización das consoantes t, s, n e l; o acento vai na primeira sílaba; non distingue o xénero, pero si o número singular e plural; ten 14 casos de declinación (a maioría deles fórmanse engadindo sufixos ao xenitivo) que sinalan todas as particularidades do movemento; no verbo distingue tres modos (condicional, imperativo e inferencial) e é rico en partículas con significados de aspecto e dirección. Tamén se denomina estonio.
-
arte estoniana
[ARTE]
Arte desenvolvida en Estonia. Caracterízase pola fusión de diferentes elementos, entre outros, alemáns, rusos, suecos e dinamarqueses. As primeiras construcións datan dos ss X-XII. A partir do s XIII a arte desenvolveuse seguindo os modelos occidentais. O centro histórico de Tallinn foi declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1997. En Tartu destacan as ruínas da catedral do s XIII e a igrexa de San Xoán (ss XIII-XIV); e en Pärnu, as casas tradicionais de madeira con dúas plantas e a Torre Vermella, que pertenceu ás murallas de s XV. Do s XIV cómpre destacar os castelos de Tallinn, Narva e Kingissep, e as fortificacións e a catedral de Tallinn. Da época renacentista destaca a fachada da casa dos Xefes Negros en Tallinn, obra de A. Passer (1597). No eido da escultura destacaron, entre outros, E. Thiele, autor de diversas obras na casa do concello de Tallinn (1674), e C. H. Ackermann, autor do altar da catedral de Tallinn (1696), segundo o deseño do sueco N. Tessin fillo. No s XVIII instaláronse no país arquitectos italianos, rusos e alemáns. Cómpre destacar, entre outros, o palacio barroco de Kardiog (Tallinn), obra de N. Michetti e M. G. Zemcov (1718). Na primeira metade do s XIX adoptouse o neoclasicismo, que en arquitectura se manifestou, entre outras obras, na universidade, de Tartu de J. W. Krause (1809). Na segunda metade do século a arquitectura volveuse ecléctica, mentres que a pintura e a escultura adoptaron o realismo. No eido da pintura cómpre destacar a J. Köller-Viljandi (1826-1899), K. L. Mailibach (1833-1886) e O. Hoffmann (1851-1911); na escultura, A. Weizenberg (1837-1921), A. Adamson (1855-1929) e J. Koort (1883-?). O momento arquitectónico máis relevante foi o modernismo, coa construción dos teatros de Tartu (1906) e Tallinn (1913), proxecto do finlandés A. Lindgren, e o Parlamento de Tallinn. Nas artes plásticas sobresaíron A. Laipman, K. Raud e K. Mägi. O vangardismo adoptárono, entre outros, os pintores A. Jansen, E. Adamson e A. Vabbe. Trala Segunda Guerra Mundial, a arte asumiu o realismo socialista.
-
literatura estoniana
[LIT]
As primeiras mostras de cantos populares estonianos publicounas Robert Fählmann antes de 1850. Posteriormente, cómpre destacar a epopea nacional Kalevipoeg (Fillo de Kalevi), da autoría de F. R. Kreutzwald. Entre 1905 e 1915 desenvolveuse o movemento Noor Eesti, burgués e nacionalista, adherido ao decadentismo e ao simbolismo (Gustav Suits, F. Tuglas, Ernst Enno). En 1917 fundouse a revista Siuru, aberta ás vangardas e ás cuestións sociais, que contou con colaboracións de Marie Under e Artur Adson; en 1921 creouse o grupo expresionista Tarapita, que coexistiu co realismo, representado especialmente pola obra de Anton Tammsaare; e a partir de 1930 sobresaíu Mait Metsanurk. Despois da Segunda Guerra Mundial, algúns intelectuais emigraron, sobre todo a Suecia e Canadá (Bernard Kangro). Na poesía destacaron Lydia Koidula, Johann Liiv e, en xeracións posteriores, Juhan Smuul e Debora Vaarandi. Así mesmo, cómpre salientar a obra de Osvald Müür, Ilmar Sikemäe e Paul Viiding.
-
música estoniana
[MÚS]
A arte musical estoniana tivo dende a súa orixe un forte influxo xermánico. Ata o romanticismo non se pode falar dunha música propiamente estoniana. Contribuíron a creala as asociacións musicais Wanemuine, de Tartu, e Estonia, de Tallinn. En 1928 estreouse a primeira ópera estoniana, Vikerlased (Os viquingos), da autoría de Evald Aava. Así mesmo, cómpre mencionar o compositor Eduard Tubin, autor do ballet Kratt (1943).