estrada
(
De acordo coa lexislación, as diferentes administracións posúen competencia sobre as estradas que afectan ao seu territorio, de xeito que existe unha rede de estradas do Estado, as redes autonómicas e as redes locais. A Administración central é titular das estradas de interese xeral e das que afecten ao territorio de máis dunha comunidade autónoma, é dicir, as nacionais e tamén as principais autoestradas (normalmente a través de sociedades públicas que as xestionan de xeito directo) e autovías. A cualificación de estrada de interese xeral recae sobre aquelas estradas integradas nun itinerario de tránsito internacional incluído nun convenio, que constitúan o acceso a un porto ou aeroporto de interese xeral ou a un paso fronteirizo principal, ou que enlacen os principais núcleos de poboación de diferentes comunidades autónomas. Na Lei española recóllese nun anexo o inventario destas estradas de interese xeral e obrígase ao ministerio competente (ministerio de Fomento) a actualizalo. As comunidades autónomas poden lexislar en materia de estradas e asumir competencias sobre as que non sexan de interese xeral e transcorran integramente polo seu territorio (estradas autonómicas e comarcais). As corporacións locais (concellos, cabidos insulares e deputacións provinciais) poden administrar aquelas estradas que transcorran integramente polo seu territorio (estradas locais). A titularidade obriga á Administración respectiva ao financiamento, construción e explotación (conservación e mantemento) da estrada baixo a súa competencia, aínda que unha vez construída se pode transferir a outra se se cumpren as condicións necesarias.
Clasificación técnica das estradas
En función das súas características técnicas (número de calzadas, pavimento, accesos, etc), a lexislación distingue varios tipos de estradas: autoestradas, autovías, vías rápidas e estradas. As autoestradas, especialmente proxectadas, construídas e sinalizadas para a circulación de automóbiles, non teñen acceso ás parcelas lindeiras, non teñen ningún cruzamento ao mesmo nivel con outras vías e constan de dúas calzadas, unha para cada sentido da marcha, separadas entre si (agás nalgún punto singular) por unha banda de terreo non destinada á circulación ou (en casos excepcionais) por outros medios. As autovías, segundo a LE, son aquelas estradas que teñen unha calzada para cada sentido e limitación de accesos ás parcelas lindeiras; o RXE esixe ademais que, para incrementar a seguridade, deben carecer de cruzamentos ao mesmo nivel con outras vías, polo que, de feito e de dereito, non existe diferenza entre autovías e autoestradas: en ambas a limitación de velocidade máxima para os automóbiles de turismo e motocicletas que por elas circulen está establecida en 120 km/h, sen posibilidade de superar esa marxe baixo ningún concepto. As vías rápidas son, de acordo coa LE, aquelas estradas dunha soa calzada con limitación total de accesos ás propiedades lindeiras, en que o RXE, posterior á LE, engadiu a esixencia de suprimir os cruzamentos; nelas a velocidade máxima para os automóbiles de turismo e motocicletas está establecida en 100 km/h, aínda que durante a execución dunha manobra de adiantamento se pode superar esa marxe nunha porcentaxe inferior á quinta parte, é dicir, sen superar os 120 km/h. As estradas convencionais (xa sexan nacionais, comarcais ou locais) defínense como aquelas que non reúnen todas as características de calquera outra tipoloxía. Nelas a limitación de velocidade establécese en función da largura da beiravía: se a beiravía é inferior a 1 m de largo a velocidade máxima (ou xenérica da vía) é de 90 km/h; nos restantes casos a velocidade máxima permitida é de 100 km/h. Tamén se permite superar eses límites en 20 km/h (ata 110 km/h e 120 km/h, respectivamente), se fose necesario para executar un adiantamento. Ademais, como estas vías convencionais poden atravesar núcleos de poboación, nos sectores que así o fagan a limitación de velocidade redúcese a 50 km/h, sen que por ningún motivo (agás en casos de emerxencia) se poida superar. En sentido contrario, tampouco se pode circular a unha velocidade inferior á metade da xenérica da vía, que se considera velocidade anormalmente reducida. A infracción consistente en non respectar os límites de velocidade pode ser causa de sanción administrativa e de responsabilidade penal no caso de que como consecuencia diso se provoquen lesións a terceiros.
As estradas galegas
En Galicia teñen competencia sobre as estradas a Administración central, a Administración autonómica, os concellos e as deputacións provinciais. As principais estradas estatais son: a Autoestrada do Atlántico A-9 (Ferrol-Tui, que malia discorrer integramente por territorio galego pertence ao itinerario europeo E-1), a Autovía do Noroeste A-6 (A Coruña-Benavente-Madrid), a Autovía das Rías Baixas A-52 (Vigo-Benavente), amais das estradas nacionais N-640 (Pontevedra-Asturias), N-120 (Vigo-Logroño), N-525 (Santiago de Compostela-Ourense) e N-550 (A Coruña-Tui). As estradas comarcais e unha cativa parte das de dúas calzadas son competencia da Administración autonómica. En 1991 aprobouse o Plan de Estradas de Galicia (PEG), que pretendía complementar as redes dos distintos titulares para ofrecer unha cobertura xeral do territorio acorde coas súas necesidades. En 1990 a rede de estradas sumaba 15.338 km, dos que só o 0,7% pertencía a estradas con dúas calzadas (os treitos da A-9 Vigo-Pontevedra e Santiago de Compostela-A Coruña). En 2000 a rede total sumaba 17.000 km, e quintuplicáronse os quilómetros de estradas de dúas calzadas. Entre as estradas construídas nese período destacan: a autoestrada A Coruña-Carballo, inaugurada en 1997; a autoestrada Puxeiros-Val Miñor, inaugurada en 1998; o Corredor Central de Galicia (Lalín-Monforte de Lemos), concluído en 1999; o Corredor Ferrol-San Sadurniño; a Vía Rápida do Barbanza (Padrón-Ribeira), rematada completamente en 2001; e a Vía Rápida do Salnés (Pontevedra-Sanxenxo-O Grove).