estreptomicina
(
Antibiótico con poder bactericida que se extrae de bacterias da especie Streptomyces griseus e que foi descuberto en 1944 por Selman Abraham Waksman. A estreptomicina presenta unha acción inhibidora da síntese de proteínas ao unirse á subunidade pequena dos ribosomas bacterianos. Cómpre destacar a súa potente acción tuberculostática, polo que se emprega no tratamento da tuberculose, asociada á isoniazida e ao ácido p-aminosalicílico. Tamén se utiliza no tratamento de endocardites, da peste, da brucelose e doutras enfermidades de orixe bacteriana. A acción colateral máis temida da estreptomicina é a lesión do octavo nervio cranial, que pode producir xordeira. É un antibiótico que provoca con gran facilidade a aparición de cepas resistentes.