estrixiforme

estrixiforme

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos estrixiformes.

  2. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave da familia dos estrixiformes.

  3. s m pl [ANIMAL/ORNIT]

    Orde de aves que abrangue as familias dos titónidos e dos estríxidos. Caracterízanse por presentar adaptación á depredación nocturna e, as máis das veces, ao asexo. Pode ver as presas a baixas intensidades lumínicas grazas á alta proporción de bastóns na retina e ás grandes pupilas. A disposición frontal dos ollos tamén lles permite unha visión estereoscópica. O ángulo de visión limitado, comparado con outras aves, vese compensado ao presentar pescozos moi flexibles, que lles permiten rotar a cabeza máis de 180° para cada lado, e nalgúns casos ata 270°. Presentan unha grande envergadura de alas en proporción co tamaño corporal, feito que lles permite voar de xeito lento. Para anular calquera efecto de turbulencia no aire e, polo tanto, o son que esta provocaría, as plumas de voo teñen o bordo posterior cunha estremidade pilosa e a parte superior cunha textura suave. O silencio, ademais de non alertar as presas, permite un mellor funcionamento do sentido do oído. Este conta con grandes orificios auditivos, abertos detrás do disco facial, que se localizan en disposición asimétrica necesaria para identificar a dirección e a distancia ao chegar a distintos tempos no oído esquerdo con respecto ao dereito. As máis das especies dos estrixiformes aliméntanse de insectos e roedores que tragan practicamente enteiros, polo que logo precisan regurxitar as partes non dixeribles, como ósos, pelos e exoesqueletos en forma de egagrópilas.

Palabras veciñas

estripeiro | estripo | estríxido -da | estrixiforme | estríxil | estro | estro armonico, L’