estrutura

estrutura

(< lat structūra)

  1. s f

    Disposición das partes ou dos órganos dun ente, substancia ou corpo.

  2. s f [CONSTR]

    Conxunto de elementos resistentes dunha edificación tendo en conta a súa configuración e disposición, que se determinan pola maneira de soster e construír a cuberta e os teitos das plantas que ten. As armazóns das plantas teñen que ser planas e horizontais, mentres que a cuberta ten que facer pendente para que por ela escorregue a auga da chuvia. Nas construcións máis antigas, formadas por dúas paredes separadas uns 4 ou 5 m e por trabes de madeira que van dunha parede a outra, obtíñase a pendente colocando sobre as trabes mestras outras trabes inclinadas en que o extremo máis alto se asentaba sobre un piar de obra ou de madeira. Esta construción non era aínda unha armadura, pero permitiu descubrir que as trabes inclinadas podían unirse rixidamente entre elas e tamén coa horizontal formando un triángulo. Neste caso, a trabe horizontal xa non traballa a flexión, senón que recibe só esforzos de tracción, que permiten aumentar a lonxitude dende uns 5 m ata 10 ou 12 m. A estrutura de obra, ou de pedra, que perdura de forma habitual durante varios séculos, está formada por dúas paredes grosas, as fachadas, de 30 ou 40 cm de groso, reforzadas porque presentan numerosas aberturas, e unhas paredes medianeiras (contiguas ás casas veciñas) xeralmente de 15 cm de groso. Nos terreos edificables dun só corpo (5 m de ancho), as trabes colócanse paralelas á fachada, de medianeira a medianeira; ademais, como adoitan ser casas baixas, non hai oco da escaleira, senón só unha volta de escaleira que dá acceso ao piso, disposta tamén paralelamente á fachada e que se abre paso entre as trabes. Pola contra, nas casas máis amplas hai un buraco para a escaleira que fai de elemento de soporte das trabes e caixas do patio de luces. Tanto as paredes da escaleira como dos patios de luces teñen entre 3/4 de palmo (15 cm). Neste caso, as armazóns das trabes inmediatas ás fachadas anterior e posterior acostuman estar orientadas de fachada a fachada ou de medianeira a medianeira, indistintamente, segundo se presenten as caixas da escaleira e dos patios de luces e, xa que xeralmente non atravesan todo o ancho do terreo, compleméntanse as liñas de carga con pequenas trabes mestras que van dende a esquina dunha destas caixas ata a parede medianeira. As casas illadas, a catro ventos, teñen a superficie descomposta en coxías, duns 5 m de ancho e, en definitiva, unha estrutura similar á descrita anteriormente. Desta maneira son as casas labregas construídas de planta que resultan así como consecuencia dos engadidos que se fan para aumentalas. As casas máis modernas construídas desta maneira presentan, a miúdo, a variante de suprimir a planta baixa e todos ou case todos os patios de luces para gañar espacio, e constrúense, entón, unha serie de piares de obra, de ferro ou de formigón, sobre os que descansan as trabes mestras e as outras trabes. A utilización do ferro e do formigón armado ou das súas variantes deulle moita liberdade ao proxectista. No caso do ferro, as estruturas consisten en piares que forman retículas; as súas vantaxes compróbanse na construción de pontes e cubertas de luz moi grandes. No caso do formigón armado, a estrutura pode ser, como para o ferro, de piares e trabes mestras ou ben teitos planos sen elas, sistema moi empregado pola liberdade que ofrece na posterior división dos locais. Nos dous casos, a estrutura de ferro ou formigón forma unha retícula e todas as paredes, como os patios de luces, os ocos de escaleira e as fachadas, descansan sobre os teitos construídos previamente, e poden ser substituídos por elementos lixeiros, entre os que destacan os paramentos de vidro, plástico ou de prancha metálica. Na construción de cubertas moi grandes aprovéitanse máis os novos materiais, como é o caso das estruturas formadas por láminas de formigón de moi pouco grosor en relación coas outras dimensións. Finalmente, os plásticos flexibles e moi resistentes á intemperie, permitiron a construción de grandes cubertas, como as dos toldos, suspendidos dunha estrutura feita con cables tensados, e a construción de estruturas inflables.

  3. [LING]
    1. s f

      Sistema ordenado de regras que describen á vez os elementos que o compoñen e as súas relacións ata un determinado grao de complexidade.

    2. estructura profunda

      Nivel ou aspecto da linguaxe que, na gramática xenerativa, determina a interpretación semántica da oración, en oposición á estrutura superficial, que determina a súa forma fonética. Segundo a gramática xenerativa, o efecto final dunha gramática é relacionar unha interpretación semántica cunha representación fonética; isto é, expresar cómo se interpreta unha oración. O compoñente sintáctico da gramática, que constitúe a súa única parte “creativa”, serve de mediador nesta relación e constitúe a meta final da gramática, no sentido de que só ela permite establecer unha relación entre o contido semántico dos signos e a súa forma fonética, isto é, é a que permite determinar cómo se ha de interpretar unha frase, mediante unha serie de regras transformacionais.

    3. estructura superficial

      Nivel ou aspecto da linguaxe que, en gramática xenerativa, determina a forma fonética da oración a partir da súa estrutura profunda.

  4. s f [SOCIOL]

    Conxunto de leis, organismos e forzas sociais, políticas e económicas que caracterizan unha sociedade e manteñen a orde establecida, fronte ás forzas disidentes e opostas ao sistema. Pretende resolver os problemas e responder ás necesidades inherentes ao sistema: manter as partes que o integran e superar as súas tensións, adaptalo á súa medida, conseguir os seus fins e integrar os individuos e os seus grupos.

  5. s f [PSIC]

    Interrelación entre o sistema ou conxunto psíquico e os seus elementos integrantes. A consideración dos fenómenos psicolóxicos como un todo xurdiu como reacción ao atomismo vixente na psicoloxía do s XIX (que levaba ás dicotomías individuo-sociedade, psique-soma, conduta-consciencia, etc) e foi establecida a partir da chamada psicoloxía da forma (Gestaltpsychologie). Fálase, neste sentido, da estrutura da personalidade, da situación, do campo psicolóxico, etc. En psicopatoloxía, así mesmo, téndese a ver o cadro clínico -máis alá da súa comprensión como unha adición de síntomas illados- como un conxunto ou sistema de organización de diferentes trastornos (estrutura paranoica, obsesiva, etc).

  6. s f [TECNOL]

    Configuración dun dispositivo electrónico. Fálase de homoestrutura cando o dispositivo está composto polo mesmo elemento, e de heteroestrutura cando está composto de diferentes elementos ou dos mesmos elementos con distinta composición estequiométrica.

  7. s f [MED]

    Constitución e disposición dos elementos que compoñen os órganos ou os corpos vivos, especialmente cando se fai referencia aos elementos anatómicos.

  8. s f [QUÍM]

    Ordenación que presentan os átomos dentro da molécula. A través da análise elemental cuantitativa e da determinación do peso molecular pódese establecer a fórmula molecular dun composto. O problema que se presenta é o coñecemento da súa estrutura, xa que existe a posibilidade de compostos diferentes coa mesma fórmula molecular, que difiren na ordenación dos seus átomos. Este é o fundamento da teoría estrutural de Kekulé. Hai diferentes compostos, aínda que presenten a mesma ordenación dos átomos na molécula, só difiren na posición relativa dos seus átomos no espacio; isto é, teñen distinta configuración aínda que teñan a mesma constitución. Para interpretar a existencia de actividade óptica nalgunhas substancias, fundamento que produce a estereoisomería, Van’t Hoff e Le Bel estableceron en 1874 a necesidade dunha estrutura tetraédrica para o carbono. Atribuíuselle ao carbono unha xeometría de tetraedro regular en que o carbono ocupa o centro da figura, coas catro valencias equivalentes e dirixidas cara aos vértices do tetraedro formando ángulos de 109,5°.

  9. estrutura alxébrica [MAT]

    Conxunto en que se definiron unha ou máis relacións binarias ou leis de composición. Unha lei de composición interna definida nun conxunto E é unha operación que permite facerlle corresponder a cada un dos pares ordenados (a,b) de elementos, distintos ou non de E, un elemento ben determinado do mesmo conxunto E. Deste xeito, unha lei de composición aparece como unha aplicación de E´E en E. Unha estrutura defínese, xa que logo, por medio dun certo número de axiomas que determinan as relacións e as operacións que a compoñen. As estruturas máis frecuentes en álxebra son as de grupo, corpo e espacio vectorial.

  10. estrutura cristalina [FÍS]

    Distribución espacial dos elementos que forman cristais (átomos ou moléculas) constituíndo en conxunto un edificio cunha enerxía libre moi pequena. Os átomos tenden a formar unha estrutura que encha da mellor maneira posible o espazo e que sexa tan simétrica como sexa posible.

  11. estrutura dramática [ESPECT]

    Forma en que se estruturan os compoñentes do drama. Concrétase na trama ou estrutura, que sempre remite ao tratamento específico que en cada obra recibe a materia dramática a través dos personaxes, conflitos, accións, coordenadas espaciais e temporais ou a configuración en escenas, que en ocasións poden obedecer ao modelo clásico de presentación, nó e desenlace, e outras veces presentan modelos máis relacionados con procedementos narrativos innovadores e experimentais. A teoría xeral do texto dramático e a dramaturxia son as disciplinas que se ocupan do seu estudio.

  12. estrutura económica [ECON]
    1. Conxunto de elementos e de relacións de interdependencia que, con certo grao de permanencia, caracterizan unha situacion económica dada.

    2. Rama da economía que analiza as relacións entre as magnitudes económicas nun lugar e momento determinados, sen inducir ningunha lei económica xeral, feito que corresponde á análise económica. A súa inclusión dentro da ciencia económica contemporánea despréndese da necesidade dunha descrición sistemática e global para afrontar o problema do desenvolvemento e o estudo do capitalismo. A análise estrutural significa a revisión da teoría económica clásica sobre a tendencia espontánea ao crecemento equilibrado e ao tratamento abstracto dos feitos económicos.

  13. estrutura en grande escala [ASTRON]

    Distribución de galaxias e doutras formas de masa en escalas de grandes distancias, que cobren centos de millóns de anos e máis. Un universo perfectamente homoxéneo e isotrópico non tería a estrutura en grande escala; sen embargo, un universo con todas as galaxias aliñadas en fileira tería unha enorme estrutura en grande escala. Esta estrutura, que se observa no universo contemporáneo, amosa unha textura cunha distribución pouco uniforme. A densidade media das galaxias é dun millón de veces máis elevada cá dos espacios intergalácticos. O estudo e comprensión da estrutura en grande escala das galaxias constitúe un dos campos máis activos dentro da investigación cosmolóxica.

  14. [FÍS]
    1. estructura fina

      Desdobramento dun nivel de enerxía a causa da interacción spin-órbita.

    2. constante de estructura fina

      Constante fundamental adimensional que mide a interacción dunha partícula cargada co campo electromagnético. O seu valor é α=7,2973506´10 -3 .

  15. estrutura global [XEOL]

    Conxunto de características que permiten dividir a Terra en diferentes partes: codia, manto, núcleo, etc.

  16. estrutura petrográfica [XEOL]

    Relación entre os compoñentes dunha rocha, dada pola disposición e o tamaño dos minerais, as discontinuidades internas, a foliación, etc.

  17. estrutura sedimentaria [XEOL]

    Estrutura característica dun proceso que ten lugar normalmente durante a deposición dos sedimentos, ou pouco tempo despois. Pode ser de orixe física, como a estratificación, a laminación ou as marcas no teito e na base dos estratos, ou de orixe biolóxica, como as marcas producidas por organismos vivos.

  18. estrutura tectónica [XEOL]

    Disposición e características xerais das masas rochosas dunha rexión xeolóxica causada polos procesos de deformación.