estruturalismo
(
Escola lingüística do s XX, que se caracteriza por concibir as linguas como estruturas ou sistemas, isto é, conxuntos organizados de elementos que se definen pola súa relación cos demais elementos formais, polo tanto, non materiais. O que importa non é o fenómeno en si, considerado illadamente, senón o seu valor, manifestado a través da súa situación no interior da estrutura. O estruturalismo xorde como reacción ao atomismo e positivismo propios da lingüística histórico-comparativa do s XIX. Sinálase ao profesor suízo Ferdinand de Saussure como o iniciador do estruturalismo, a raíz da publicación póstuma en 1916 dunha recompilación das súas principais teorías, baixo o título Cours de Linguistique Générale. F. de Saussure pon a base de conceptos como signo lingüístico e distincións fundamentais como materia/ obxecto, lingua/fala ou significante/significado. A consolidación do estruturalismo vén da man do Círculo Lingüístico de Praga (1926), constituído, entre outros, polos lingüistas Nikolaj Sergejevič Trubeckoj e Roman Jakobson, continuadores das teorías saussurianas. Dado que se conciben as linguas como estruturas, considérase que estas deben ser estudiadas como entidades autónomas de dependencias internas, en concreto, de oposicións distintivas, de xeito que unhas unidades se caracterizan por seren o que outras non son. Co fin de delimitar e describir as unidades formais dunha lingua, os estruturalistas recorren a determinadas ferramentas metodolóxicas, aos principios básicos do estruturalismo: funcionalidade, oposición, sistematicidade e neutralización. A proba da conmutación é a que permite comprobar se dúas unidades son funcionais e opositivas, as únicas que interesan desde a perspectiva estrutural. Por exemplo, en galego a distinción entre as vocais posteriores medio aberta e medio pechada é funcional e opositiva, xa que a súa conmutación provoca un cambio de significado (bola, medio pechada [o], ‘bola de pan’, fronte a bóla, medio aberta [ "Stone Sans PhoneticIPA" >ɔ ], ‘corpo esférico’). Ademais, a oposición é sistemática, xa que se dá así mesmo nas vocais medias anteriores (presa, medio pechada [e], ‘prendida’, fronte a présa, medio aberta [ ɛ ], ‘apuro’). Os principios estruturalistas aplicáronse primeiramente á fonoloxía e conseguiron describir por completo o sistema fonolóxico das linguas. Non obstante , o intento de aplicalos a outras áreas, como a semántica, resultou máis problemático, só se conseguiu describir campos semánticos concretos, como o das cores ou os nomes de parentesco. Entre as correntes derivadas do estruturalismo, destacan: a glosemática, creada por L. Hjelmslev; a lingüística funcional, con autores como E. Coseriu ou A. Martinet, e a lingüística sistémica, que ten como máximo representante a M. A. K. Halliday. Ademais do estruturalismo europeo, tamén se denominou así unha das correntes da lingüística norteamericana, o enfoque distribucionalista encabezado por L. Bloomfield. Neste caso, esta denominación procede das distintas clases de técnicas empregadas por Bloomfield para identificar e clasificar as estruturas oracionais. O método estruturalista acabou por estenderse a outras ciencias, como a antropoloxía, a filosofía, a literatura ou a psicoloxía. No ámbito da filosofía desenvolveuse nas obras de Michel Foucault, quen definiu a estrutura como unha realidade simbólica anterior á separación entre o real e o imaxinario, entre o obxecto e o concepto. A través do que chamou a arqueoloxía do saber, accédese ao estrato máis profundo da realidade. É unha filosofía transcendental á maneira de I. Kant na medida en que define as condicións de posibilidade do coñecemento. No ámbito da teoría literaria e na crítica, R. Jakobson defendeu unha metodoloxía estruturalista ao dicir que dos seis procesos que interveñen na comunicación (emisor, destinatario, código, mensaxe, contexto e relación), a función poética da linguaxe consiste na acentuación do factor mensaxe e só despois cumpriría analizala en relación cos outros elementos. Daquela, analizar un texto literario é analizar a súa arquitectura.