Estudiantes Revolucionarios Galegos
Organización estudantil de ámbito galego que se autodefinía como reinvidicativa, nacionalista, democrática e independente, e que defendía un ensino ao servizo das clases populares e a normalización da lingua e da cultura galegas. Entre os seus presupostos básicos destacaban o convencemento de que Galicia mantiña unha dependencia colonial con respecto a España que se traducía, no eido educativo, na transmisión dun ensino acientífico, antinacionalista, antipopular e antidemocrático. A súa aparición na vida pública tivo lugar na Universidade de Santiago de Compostela no curso 1972-1973, despois da folga compostelá do Nadal, provocada pola morte do estudante Xosé María Fuentes; daquela estaba integrada principalmente por estudiantes nacionalistas de diversos colectivos e independentes. No curso seguinte espallouse polas principais cidades galegas, ao tempo que se produciu a primeira escisión, que deu lugar á creación da Organización de Estudiantes Revolucionarios. Nos anos 1975 e 1976 os centros de ensino medio e as escolas universitarias participaron activamente na loita estudantil e incrementouse así a importancia numérica e o raio de acción da organización, ao tempo que comezaba a verse afectada pola acción policial (detencións e desarticulación do seu aparato propagandístico). En maio de 1976, ratificados na Segunda Asemblea os seus postulados básicos, concretados no lema “Por un ensino nacional, científico, popular e democrático”, e entendendo que os seus obxectivos só se poderían conseguir no marco dun goberno galego, decidiu integrarse na Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), polo que se converteu na súa fronte estudiantil. Esta relación rachou en marzo de 1977 debido, sobre todo, ao rexeitamento da súa proposta de constituír un sindicato estudantil único. Esta nova formulación e os cambios introducidos no seu funcionamento interno permitíronlle ampliar a súa influencia, incluso aos últimos cursos da educación básica, pero produciron unha segunda crise interna a mediados de 1977. En xaneiro de 1978, celebrou en Santiago de Compostela o I Congreso en que se ampliou a dirección nacional a 23 membros e se aprobaron o programa e as liñas ideolóxicas e estratéxicas da organización, resumidas na defensa da democracia interna e no poder decisorio das asembleas; ao tempo que se fixaban os obxectivos que pretendían conseguir a curto prazo, como a mellora das condicións materiais dos centros, a galeguización do ensino e derrogación da lei de disciplina académica, e a longo prazo, como o ensino estatal obrigatorio e gratuíto ata os dezaoito anos e a reformulación dos plans de estudo para achegalos, principalmente, á realidade galega. Dende principios de 1973 a publicación Lume converteuse no seu voceiro oficial. Ao seu abeiro constituíronse en 1983 os Comités Abertos de Facultade (CAF).