ética
(< lat ethĭca < gr ἠϴικά, f de ἠϴικός)
-
s
f
[FILOS]
Parte da reflexión filosófica que se ocupa da moral. En ocasións utilízase tamén como sinónimo deste último concepto. Ten como obxecto da reflexión os costumes contemplados desde o punto de vista dos valores, principios, normas, usos e prácticas dos homes nas diferentes culturas. É unha actividade teórica con pretensións normativas que nace dos interrogantes xerados polo interese filosófico en saber cómo deben ser as cousas. O seu obxectivo é responder á pregunta sobre cómo debe vivirse a vida, interpretando, orientando, cambiando e perfeccionando os comportamentos humanos á luz da propia ética. Centra as súas investigacións na historia dos hábitos sociais, a vida boa e o ben, así como nos aspectos que teñen que ver coa toma de decisións, a responsabilidade, o respecto e a conduta. O seu método é a reflexión filosófico-crítica sobre os datos da experiencia moral. Na teoría ética distínguese entre a ética normativa e a ética crítica ou meta-ética. Ao longo da historia, os filósofos elaboraron dúas propostas éticas, as morais do ben, que manteñen como finalidade última da vida humana a felicidade, entre as que se enmarcan, entre outras, o hedonismo e o estoicismo; e as morais do deber, que estipulan o que é o respecto da lei moral, dentro das que se encadran, entre outras, a filosofía dos costumes de I. Kant. Co desenvolvemento tecnolóxico científico, centrouse en asuntos prácticos relacionados coas novas tecnoloxías, a clonación, a manipulación xenética, os límites da ciencia e a bioética, entre outros, polo que non é infrecuente que moitos gobernos procuren a asesoría de comités de ética á hora de lexislar. É a disciplina filósófica máis difundida fóra do ámbito da filosofía.
-
ética ambiental
[FILOS]
ecoética.